Salceda investirá 20.000 € en mellorar os seus equipamentos

O Concello de Salceda, a través do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, vai realizar un investimento de 19.987,89 € para a mellora dos seus equipamentos de vías e obras e medioambiente. O pasado 9 de maio, a Deputación de Pontevedra aprobou o proxecto presentado polo Concello, polo que se acometerá nas vindeiras semanas.

O proxecto servirá para realizar a adquisición de diversa maquinaria, como unha plataforma elevadora, unha compactadora, unha motoserra ou un xenerador entre outras; maquinaria demandada polos empregados do Departamento de Vías e Obras para poder realizar o seu traballo nas mellores condicións. O Concello de Salceda de Caselas acomete con persoal propio multitude de obras e mantementos que se verán notablemente mellorados cos suministros que se van adquirir.

Por outra banda, o Concello adquirirá unha serie de suministros relacionados co medioambiente, como contedores amarelos para reciclaxe ou bancos para os espazos públicos municipais. Salceda está a realizar unha forte aposta por poñer en valor os seus espazos públicos, coa creación de sendas fluviais e a recuperación de espazos abandonados para uso e desfrute da veciñanza, e estes elementos resultan fundamentais para seguir co proceso.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Aproveitamos a ocasión que nos ofrece o Plan Concellos para mellorar os equipamentos da brigada de vías e obras e que poidan realizar un traballo máis eficaz para o benestar dos nosos veciños e veciñas. Seguimos a construír a Salceda coa que soñamos e non imos escatimar esforzos en poñer en valor cada recuncho do noso Concello”.