O Pleno de Salceda aproba a Terceira Fase do Proxecto de Mellora da Praza de Abastos

2015.02.27 Praza de Abastos

O Pleno do Concello de Salceda de Caselas ven de aprobar o proxecto de investimento para a Terceira Fase de Mellora da Praza de Abastos, que se ven de presentar na convocatoria de subvencións da Consellería de Economía e Industria para a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario.

Nesta terceira fase levarase a cabo a instalación ascensor-montacargas que permita o acceso á praza dende o aparcadoiro situado na parte traseira. Nesta mesma zona instalarase tamén un aparcadoiro de bicicletas. Por outra banda sustituirase o actual solo por un pavimento continuo que facilite a limpeza e evite as filtracións de auga cara o soto, mellorando así a hixiene do edificio.

Así mesmo, procederase á instalación dun sistema de calor aerotérmica para a producción de ACS cun baixo consumo, supoñendo un aforro enerxético de ata un 70% respecto dos sistemas tradicionais, así como un sistema de ventilación mecánica mediante un recuperador de calor.

O proxecto conta con un orzamento de 199.989,45 € que, en caso de ser aceptado para a subvención sería asumido nun 70% pola Consellería e no 30% restante polo propio Concello.

Nas duas fases anteriores lévase investido xa un total de 362.272,03 €, realizando numerosas melloras na Praza de Abastos que a están a converter xa en referencia en todo o País. Mostra disto é que a segunda fase da reforma foi a que obtivo maior puntuación de tódalas presentadas na subvención da Xunta.

Cos investimentos realizados lévanse atallado xa problemas como as correntes de aire do edificio coa colocación de falso teito, ou a conexión coa zona de aparcadoiro da carballeira situada detrás da edificación , efectuando unha apertura no semisoto e executando unhas escaleiras de acceso.

Por outra banda, no afán de dinamizar o mercado ofrecendo novos servizos, creouse tamén unha zona de cafetería con servizo tanto ao interior como ao exterior do edificio, que contará con autonomía propia de funcionamento, independentemente do propio mercado.

A primeira fase do Proxecto de Mellora levouse a cabo xa no 2013, e supuxo a adecuación do edificio e o seu entorno ás necesidades básicas de accesibilidade e comodidade para vendedores e clientes, ofrecendo un maior atractivo da zona tanto no interior como no exterior. Nesta nova fase as melloras centraranse no interior do edificio, así como no acceso posterior ao mesmo.

O equipo de goberno agarda que a resolución da subvención se xa favorable “para poder así seguir a levar a cabo a mellora integral da Praza de Abastos e do seu entorno”.

Loli Castiñeira, Concelleira de Comercio, manifestou a súa ilusión con esta nova fase do proxecto de reforma: “Agardamos que a Xunta de Galicia apoie este proxecto e conceda a subvención solicitada para levalo a cabo. Traballamos polo comercio de proximidade, e a Praza de Abastos é a mellor garantía de frescura e calidade dos productos ofertados”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Seguimos a construír a nova Salceda pensada para a xente poñendo en valor os edificios municipais. Salceda tiña unha débeda histórica cos vendedores da Praza de Abastos e estamos a poñer todo da nosa parte para saldar esa débeda e garantirlle as mellores condicións no desenrolo dunha tarefa fundamental como é a da venta de productos frescos”.

 

FOTO: Loli Castiñeira, Concelleira de Comercio, e Marcos Besada, Alcalde de Salceda, ante a Praza de Abastos

Gabinete de Prensa, 27 de febreiro de 2015