O Pavillón Municipal contará con ascensor para a zona das gradas

TER_9396 copia

O Concello de Salceda ven de dar comezo á obra de instalación dun elevador no Pavillón Municipal de Deportes, que solucionará os problemas de accesibilidade á zona reservada para o público que existían ata o de agora. O Pavillón Municipal de Deportes, ubicado na zona deportiva de Altamira, carecía ata o de agora deste sistema, o cal impedía o acceso das persoas con mobilidade reducida ás bancadas destinadas ao público, aínda que si podían acceder á zona da pista deportiva.

O proxecto, cun orzamento de 30.699,12 €, está subvencionado con 19.006,68 € pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, dentro das axudas para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalación e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a Concellos de Galicia para este ano 2018. Os 11.692,44 € restantes serán financiados polo Concello de Salceda con fondos propios.

Con esta reforma, o Concello segue na liña de eliminación de barreiras arquitectónicas nos edificios e espazos municipais, para o que se levan feito importantes esforzos nos últimos anos. Cabe lembrar que o Pavillón Municipal é empregado en horario escolar polos nenos e nenas do CEP Altamira, e fora deste horario ten unha grande actividade acollendo as Escolas Deportivas, os clubes de balonmán e baloncesto, as actividades deportivas da ANPA Altamira e outras iniciativas deportivas, polo que estamos a falar dunha infraestructura fundamental e con un alto índice de uso.

Carla Pérez, Concelleira de Deportes: “Seguimos a traballar por conseguir as mellores instalacións deportivas para os veciños e veciñas de Salceda, conscientes das numerosas iniciativas deportivas existentes e da necesidade de ofrecerlles unhas infraestructuras de primeiro nivel dentro das posibilidades do Concello de Salceda”.

Loli Castiñeira, Alcaldesa Accidental: “A eliminación de barreiras arquitectónicas sempre foi unha das prioridades deste Goberno, e con esta obra damos un pasiño máis no obxectivo de conseguir a accesibilidade universal nas instalación e espazos públicos. Queda moito por facer máis non escatimaremos esforzos para conseguir que todos e todas teñamos as mesmas oportunidades”.

 

Gabinete de prensa, 23 de agosto de 2018