Inícianse as obras do novo tramo de senda “Pombal de Antero – As Regadas”

senda

Esta semana veñen de inicarse as obras do novo tramo de Senda no Río Caselas entre o “Pombal de Antero” e a zona denominada “As Regadas”, xa case no límte co Concello de Salvaterra de Miño. O proxecto, con un orzamento de 100.428,08 €, enmárcase dentro do PID 2012 da Deputación Provincial de Pontevedra, e está a ser executado pola empresa adxudicataria Pérez Portela. Nesta ocasión executarase un tramo de 815 metros que, ao igual que os tramos anteriores, estará perfectamente acondicionada para discapacitados e manterá a estructura do feito ata o de agora. Durante o percorrido instalaranse diversos bancos, así como a pertinente sinalización no principio e final da senda coas limitacións de uso da mesma. Así mesmo realizaranse traballos de recuperación do camiño das Regadas, dende o Río Caselas ata a carretera municipal, nun tramo de 111 metros, para facilitar o acceso ao novo paseo. As obras estarán rematadas a principios deste verán.

O proxecto, redactado polo Enxeñeiro Técnico Agrícola Julio Piñeiro, enmárcase dentro do programa de actuacións previsto polo Concello de Salceda de Caselas encamiñadas á recuperación, creación e posta en valor de espazos destinados a uso público para o recreo e espallamento das veciñas e veciños do municipio, así como das e dos visitantes. Neste caso estase a recuperar unha zona en estado de abandono para usos recreativos, aproveitando o entorno na marxe do Río Caselas, que dará continuidade aos tramos de senda xa existentes entre O Rubal e o Pombal de Antero. O Concello de Salceda continúa así na súa constante recuperación dos seus ríos, así como do seu entorno, coa construcción duns paseos que son xa seña de identidade do municipio.

En palabras de Fortunato Álvarez, Concelleiro de Vías e Obras, “Unha vez máis, estamos enormemente agradecidos aos propietarios e propietarias dos terreos polos que transcurre esta nova senda, que dende o primeiro momento se puxeron á nosa disposición e deron o seu permiso sen poñer o máis mínimo problema”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda, congratulouse do inicio das obras, que segundo os prazos marcados pola Deputación de Pontevedra, xa deberían estar rematadas hai meses. “Seguiremos a traballar na recuperación do noso entorno e a nosa paisaxe. Os nosos ríos estiveron esquecidos durante moitos anos e queremos saldar esa débeda. Salceda débelle o seu nome ao Caselas, e este, xunto cos seus afluíntes, son a nosa prioridade”.

 

Foto: Fortunato Álvarez, Concelleiro de Vías e Obras, Marcos Besada, Alcalde de Salceda, e Julio Piñeiro, Redactor do proxecto cos responsables da empresa adxudicataria das obras.

 

Gabinete de prensa, 21 de maio de 2014