Comezan as obras da II fase da piscina municipal de Salceda de Caselas:

O concello de Salceda puxo en marcha esta semana as obras da II Fase da reforma e ampliación da piscina municipal.

Esta actuación, que está subvencionada pola Deputación de Pontevedra, ao abeiro da Liña 1 do Plan Concellos 2022-2023 consistirá na ampliación e reforma dos vestiarios ascende a 135.177,81€.

Os novos vestiarios serán totalmente accesibles e contará tamén cunha importante mellora na súa eficiencia enerxética coa instalación de placas fotovoltaicas na súa cuberta.

Con esta II fase completarase a reforma integral da piscina municipal de Salceda, que xa se iniciou o ano pasado coa reforma dos dous vasos e da zona de praia.

Rubén González Coto, concelleiro de Deportes: “Co inicio da execución desta II Fase avanzamos cara a consecución dunha reforma integral da piscina municipal, que permitirá que a veciñanza de Salceda poida gozar desta instalación con plenitude, como xa fixo este pasado verán, cunha grande afluencia de persoas usuarias”

Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas. ”Seguimos a traballar na liña non so de manter e coidar as nosas instalacións deportivas municipais, senón tamén de melloralas substancialmente para que poidan prestar un servizo de calidade adaptado  aos tempos actuais e que sexan un servizo eficiente e respectuoso co medio ambiente”.

 

                 Gabinete de prensa, 17 de xaneiro de 2023