Charla sobre seguridade cidadá

O Concello de Salceda de Caselas, por medio da Concellaría de Seguridade que dirixe Jose Luis González, organiza unha charla sobre seguridade cidadá e violencia de xénero mañá xoves ás 20:00 na Casa da Cultura Castelao. A charla, que estará impartida por membros da Garda Civil, xurdiu a partir da última Xunta Local de Seguridade que se celebrou en Salceda o pasado 22 de abril, na que se estableceron diversos cauces de colaboración entre os diferentes corpos de seguridade e o Concello.

Os datos amosados na xuntanza foron moi positivos, pois os delitos denunciados en Salceda descenden un 23% no que vai de ano con respecto ao ano anterior, ao igual que as faltas, que neste caso contan con un descenso dun 73%. No caso da violencia de xénero, en Salceda de Caselas mantéñense 9 casos abertos, con un especial seguemento por parte da Policía Local.

Con esta xuntanza preténdese informar a tódolos interesados das pautas a seguir en casos de violencia de xénero ou inseguridade de calquera tipo, ofrecendo as nocións de actuación precisas para cada un dos casos que se presenten.

Jose Luis González, Concelleiro de Seguridade Cidadá, agradece a colaboración da garda Civil nesta e outras campañas levadas a cabo polo Concello. “A prevención resulta fundamental para evitar males maiores, e faise moi precisa a información á cidadanía de cómo debe actuar ante casos concretos”.

 

Foto: Xunta Local de Seguridade celebrada en Salceda o pasado 22 de abril

 

Gabinete de Prensa, 21 de maio de 2014