A Xunta propón a eliminación do 50% das liñas de transporte público entre Salceda e Vigo

A Direccion Xeral de Mobilidade presentou o Anteproxecto de explotación de servicios públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada por resolución do 29 de maio de 2017, publicado no DOG o 30 de maio de 2017. No Anexo aparece o Anteproxecto XG- 521 “Salvaterra de Miño-Vigo con anexos”, liña esencial e estratéxica de mobilidade no Concello de Salceda de Caselas coa Área de Vigo.

O 4 de marzo de 2015 o Concello de Salceda asinaba coa Consellería de Medio Ambiente o Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do Transporte Metropolitano de Galicia na Área de Transporte Metropolitano de Vigo co obxetivo de establecer as bases de colaboración para a aplicación das medidas de fomento do transporte público de viaxeiros na Área. Na Cláusula III do Convenio fálase de actuacións de fomento do transporte público e “pretendese a mellora da oferta de transporte público creando corredores metropolitanos de altas prestacións”. Dentro do Plan de Transporte Metropolitano, a conexión entre Salvaterra, Salceda e O Porriño constitúe un eixo vertebrador fundamental dentro do Plan de Transporte Metropolitano: sen embargo, a proposta de Anteproxecto fire gravemente este corredor, reducindo nun 50% as frecuencias actuáis.

Por outra banda estase a incumplir a palabra dada na xuntanza mantida en Vigo entre cargos da Direccion Xeral de Mobilidade e Alcaldes e Alcaldesas, nas que se nos garantía nesta primeira fase, e a espensas do Plan de Transporte de Galica definitivo para o 2019, que se ían manter as liñas nas súas condicións actuáis neste periodo transitorio que comenzaría, en teoría, no mes de agosto. Nesa xuntanza achegóusenos un cuestionario de participación inicial para entidades locais. O Concello de Salceda fixo chegar unha serie de propostas das cales ninguna se tivo en conta por parte da Dirección Xeral de Mobilidade.

Na actualidade contamos cunha liña de frecuencia de autobuses de media de dúas horas (horario entre as 6:00-20:00), con conexión a Vigo, claramente deficitaria e denunciada xa por parte de moitos usuarios, que demandan unha maior frecuencia de liñas. Neste novo plantexamento redúcense máis do 50% as liñas que tiñamos dende Salceda para deixar so 4 liñas, das cales, só unha vai ao Hospital Álvaro Cunqueiro, destino de moitos veciños e veciñas que empregan o transporte público.

Con esta realidade, o Concello de Salceda ven de manifestar a súa disconformidade e presentar unha reclamación ante a Dirección Xeral de Mobilidade, agardando que sexa atendida nas modificacións que se prevé que sufra o anteproxecto inicial.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “A incorporación de Salceda no Plan de Transporte Metropolitano supuxo un gran avance e incrementou o uso do transporte público, a través da redución do custe do billete. O obxeto do convenio asinado era mellorar as conexións de transporte para os ususarios e usuarias, polo que non imos consentir o atropelo que supón para os veciños e veciñas de Salceda de Caselas a proposta presentada dende a Xunta de Galicia. Estamos en contacto directo coa Dirección Xeral de Mobilidade para modificar o Anteproxecto. Esperamos que sexan atendidas as nosas demandas por ser de xustiza.  Chegaremos a donde faga falta na defensa dos dereitos dos nosos veciños e veciñas”