A Cámara Agraria xa é propiedade do Concello

O Alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, ven de asinar o documento de compra do edificio da antiga Cámara Agraria con Pablo Moure, Subdirector de Patrimonio da Consellaría de Facenda da Xunta de Galicia, actual propietaria do inmoble, e ante o Notario do Porriño, Santiago Martinez Carrera. Trátase dun edificio de 137,50 m2, ubicado nun terreo de 256 m2 no barrio de Altamira, valorado pola Consellería de Facenda en 52.840,67 €, prezo polo que agora se vende ao Concello de Salceda de Caselas nun proceso de adxudicación directa. O pagamento do edificio farase de xeito aprazado por un período de dez anos con un interese do 4%, aínda que o Concello asumiu xa o pasado ano un pago polo 25% do total.

O edificio, construído no 1947 como sede da “Hermandade de labradores”, fora desafectado de uso público e cedido en uso ao Concello de Salceda no ano 1997, polo Decreto 303/1997 de 23 de outubro, que establecía a cesión das distintas Cámaras Agrarias, entre elas a de Salceda de Caselas, destinado a fins e servizos de interese xeral agrario por un período de dez anos, caducando dita cesión no 2007. Por aquel entón, o Delegado de Medio Rural Gonzalo Constenla acordara co Alcalde Marcos Besada non renovar dita cesión, comprometéndose a Consellería a rehabilitar o edificio como sede para a Concellaría de Medio Rural, Mancomunidade de Montes e Protección Civil, e cederllo ao Concello. Con este obxectivo elaborárase xa un anteproxecto valorado en 185.901,80€. Sen embargo, tralo cambio de goberno na Xunta e a entrada do Partido Popular o acordo non se levou a cabo. Agora, coa compra do edificio, o Concello poderá destinalo ao uso que estime mais adecuado.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Solucionamos un problema histórico recuperando un edificio en desuso que os veciños e veciñas de Salceda consideran de patrimonio municipal pero que ata a actualidade era propiedade da Xunta, e ademáis cun uso restrinxido unicamente ao interese agrario.  Queremos recuperalo para uso e disfrute do pobo de Salceda e poder empregar este histórico edificio para outros usos como os socioculturais ou educativos”