A Deputación estuda melloras en dúas estradas provinciais tras oito anos de espera por parte do Concello

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou a intención da Deputación de Pontevedra de estudar a mellora de dúas estradas provinciais no Concello de Salceda de Caselas. Este municipio leva reclamándolle estas actuacións ao goberno provincial desde hai oito anos.

O deputado Benítez e a nova directora de Mobilidade, Isabel Pardo de Vera, reuníronse co alcalde, Marcos Besada, e o Concelleiro de Vías e Obras, Miguel González, para analizar as necesidades en materia de infraestruturas do municipio. O rexedor formulou dúas actuacións que considera prioritarias.

A primeira actuación consiste na eliminación dun punto negro na EP­2503 entre Cerquido e Borraliño. Realizaríase no lugar no que esta vía se cruza con outra de titularidade municipal, nunha curva. Alí hai pouca visibilidade, polo que é precisa unha reordenación dos itinerarios. Segundo indicou Uxío Benítez a actuación é urxente debido ao alto número de sinistros de tráfico detectados no lugar, e así a tramitará a Deputación.

A segunda actuación solicitada por Besada á Deputación consiste na urbanización da vía entre Salceda e Caldelas para mellorar a conexión peonil coas piscinas municipais, co parque de autocaravanas aberto recentemente polo Concello e coa senda Martin Sheen. Neste sentido, o deputado solicitoulle ao rexedor que na vindeira semana presente unha solicitude xustificada da obra para ver se se adapta ao decálogo de criterios de actuación nas vías provinciais. Posteriormente, de darlle o visto bo, a Deputación elaboraría o proxecto, realizaría a valoración económica e estudaría se se pode incluír no plan de actuacións deste ano 2016. De ser así iniciaríanse as obras.

Por outra banda, o deputado e o alcalde falaron tamén das solicitudes de Salceda de Caselas dentro do Plan MOVESE. Segundo Benítez a maior parte das solicitudes parecen axeitadas, se ben a aprobación definitiva comunicarase nas vindeiras semanas.