A Concelleira de Sanidade do Concello de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, xunto co Alcalde da localidade, Marcos Besada, veñen de manter unha xuntanza con Pablo Braña, Responsable da Area Social da Xunta Provincial de Pontevedra da Asociación Española contra o Cancro (AECC). O obxectivo fundamental da xuntanza, ademais de coñecer de primeira man a situación actual da AECC, foi o de establecer marcos de colaboración entre as dúas entidades para traballar xuntos no apoio aos enfermos e enfermas de cancro en Salceda, así como ás súas familias.
A AECC ten integrado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo un equipo de profesionais. Este servizo pretende complementar as actuacións dos equipos de Hospitalización a Domicilio dos hospitais públicos de Vigo a través de accións multidisciplinares e complementarias ás actuacións de índole médica. Promove a atención das necesidades de índole psicosocial que os enfermos e enfermas terminais e as súas familias teñen nos momentos finais de vida. O equipo está formado por catro psicólogas e un traballador social, e ten a súa base no CHUVI, sendo o Concello de Salceda de Caselas parte da súa área de actuación.
A AECC conta ademais cunha Unidade de Coidados Paliativos adscrita ao Hospital Meixoeiro. Neste departamento ofrecen asistencia médica de balde aos enfermos de cancro en fase terminal no seu fogar. Así mesmo, dende o Departamento organízanse ó longo do ano diversas charlas sobre o cancro, avances e novas perspectivas. O Alcalde e a Concelleira manifestaron o seu interese por estas iniciativas, así como polos casos que afectan ao municipio Salcedense. No ano 2015, a AECC atendeu un total de 46 usuarios de Salceda.
Loli Castiñeira, Concelleira de Sanidade: “Pretendemos establecer un vínculo permanente coa AECC, que nos permita ter un maior coñecemento dos casos dados no noso municipio, así como ofrecer toda a colaboración que sexan posible dende o Concello”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “ A AECC leva a cabo unha impagable laboura cos enfermos desta terrible enfermidade, polo que merecen toda a nosa admiración e respeto. As portas deste Concello sempre estarán abertas para eles e para as diferentes inciativas que poñan en marcha”.
Gabinete de Prensa, 10 de marzo de 2016