Volve o Programa “Cultiva a mente”

A Concellaría de Benestar Social do Concello de Salceda de Caselas, que dirixe Teresa Pérez, ven de anunciar a posta en marcha dunha nova edición do programa “Cultiva a mente”,  un proxecto que engloba a prevención da demencia e a promoción de hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional. Os/as usuarios/as serán participantes activos/as, inmersos/as nun programa formativo que explorará as preocupacións e necesidades de cada individuo, proporcionando unha resposta que sexa extrapolable ó seu día a día e proporcione hábitos saudables no plano cognitivo e no afectivo.

Os/as asistentes ao programa realizarán actividades de memorización, así como tarefas nas que se estimule a lóxica, a planificación, a organización e a toma de decisión, tanto individual como grupal. Realizaranse tamén exercicios para mellorar a orientación temporal, espacial e persoal, ensinándolles ás persoas maiores a empregar axudas externas para orientarse.

O programa vai dirixido ás persoas maiores de 55 anos sen deterioro cognitivo, interesadas na prevención deste deterioro e no coñecemento do envellecemento activo. Levarase a cabo os martes a partires das 11:00 no centro Social da Devesa, e correrá a cargo de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia), grazas á financiación da entidade Caixabank. As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello, lembrándose que as prazas son limitadas e que se asignarán por orde de inscrición.

“Cultiva a mente” ven a ampliar a oferta feita para a terceira idade, para a cal se levan realizado iniciativas como a “Escola de Maiores” ou outras acción formativas en colaboración coa Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda.

Teresa Pérez, Concelleira de Benestar Social: “Os/as nosos/as maiores cada vez están máis concienciados/as e demandan un envellecemento saudable acorde co seu estilo de vida, e o Concello de Salceda aporta así o seu granciño para que isto sexa posible. Seguiremos a poñer en marcha accións deste estilo que sempre teñen unha grande acollida por parte da terceira idade”.

 

Gabinete de Prensa, 14 de marzo de 2018