A Concellaría de Turismo do Concello de Salceda de Caselas, dirixida por Loli Castiñeira, ven de presentar a VIII edición da Mostra Exposición da Camelia, que se vai celebrar no Auditorio Municipal do Concello esta fin de semana (sábado e domingo).
A mostra inaugurarase o sábado ás 16:30 horas, con presenza dos máis de 65 expositores chegados de toda Galiza e do norte de Portugal, que darán mostra da infinidade de variedades de camelia que se poden atopar nos máis coloridos xardíns, e que en Salceda encherán máis de 125 metros de exposición. Para o acto inaugural contarase coa actuación do Grupo Os Chavellos, que porá a nota musical do evento. Ademáis, para anoite do sábado prepárase un evento moi especial, que pondrá final á primeira xornada da mostra: unha noite de Fados no Auditorio Municipal a cargo do Grupo de Xailes e Capas Negras. O grupo provén de Penafiel, municipio que mantén unha estreita relación co equipo de goberno do Concello de Salceda.
O domingo poderase visitar a exposición durante todo o día, compaxinándose coa celebración da Feira de Ecoloxía e Artesanía que terá lugar na Praza do Concello, e que ten confirmada a presenza de 70 postos. Nesta feira poderanse adquirir diversos productos artesanais, ademáis de alimentación ecolóxica, comida vegana, cervexa e licores artesanos… Esta mostra foi presentada pola Concelleira de Medioambiente, Carla Pérez, e polo responsable da actividade, Carlos Rodríguez.
Para a organización destas xornadas, a Concellaría de Turismo conta coa colaboración da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda, así como da Asociación de Mulleres Rurais.
Antonio Rivero, Presidente da Asociación de Xubilados e Pensionistas, catalogou a exposición como “a máis importante de Galicia despois da Internacional”. Así mesmo destacou que o fríos destes días mermou a cantidade de camelias, pero que igualmente esta será unha vez máis unha mostra con moitas variedades e con grande cantidade de camelias.
Loli Castiñeira, Concelleira de Turismo: “un ano máis Salceda convértese no punto de destino de centos de apaixoados do mundo da camelia. Agradecemos especialmente a colaboración do tecido asociativo que sempre nos bota unha man neste tipo de eventos”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “En torno a esta magnísifica flor concentramos diversos actos que nos serven para seguir a proxectar a imaxe de Salceda ao longo de todo o País. O cariño e o rigor que se adica nesta mostra fai que Salceda sexa tamén referente comercial e turístico, converténdose unha vez máis no destino de centos de visitantes”.
Gabinete de prensa, 1 de marzo de 2016
Foto: Marcos Besada, Loli Castiñeira e Carla Pérez, acompañados de Elena Sanjuán (Mulleres Rurais), Antonio Rivero (Asociación de Xubilados) e Carlos Rodríguez (Ekohuerta)