Salceda de Caselas celebrará o día 26 de decembro, e por quinto ano consecutivo, a súa Carreira Solidaria de San Silvestre, unha iniciativa que ten como finalidade a recadación de alimentos para o Programa de Alimentos do Concello. Será un xeito de facer deporte e, ao mesmo tempo, axudar a aqueles que máis o necesitan.
A San Silvestre Solidaria, que tradicionalmente moitos veciños e veciñas aproveitan para disfrazarse e gozar do entorno festivo do Nadal, ten un percorrido urbano de 3 quilómetros con saída dende a Praza do Concello ás 21:00 h onde, antes da saída, haberá unha actividade de animación con zumba.
As persoas que desexen participar nesta iniciativa de marcado carácter solidario, teñen que inscribirse na páxina web www.edmsalceda.es no apartado de inscrición, pondo os datos solicitados na mesma ou tamén nesta ligazón. Como remate desta proba na que se espera que participen máis de 400 persoas, haberá unha chocolatada na Praza do Concello para repoñer forzas.
A concelleira de Benestar do Concello de Salceda de Caselas, Teresa Pérez, amosaba o seu agradecemento anticipado “a todos os veciños e veciñas que sempre participan nesta causa, achegando alimentos e amosando a súa solidariedades cos menos favorecidos”. Nese sentido, Teresa Pérez non dubidaba en afirmar que “ningunha familia debe carecer dos bens básicos e, dende a área de Servizos Sociais, traballamos para que iso sexa unha realidade”.
Pola súa banda, Carla Pérez, concelleira de Deportes, animaba a todos os veciños e veciñas a participar nesta iniciativa solidaria “da que poden gozar persoas de todas as idades, dende os máis cativos aos maiores”. Pérez aseguraba que o percorrido “permite que se poida facer correndo ou camiñando, segundo os gustos e a preparación de cada quen”. O importante, salientou a reponsable de Deportes, “é participar nunha iniciativa que vincula estreitamente a solidariedade e o deporte”.