Dentro proceso de elaboración do I Plan de Mobilidade Sustentable de Salceda de Caselas, ven de celebrarse a primeira xornada de participación para os colectivos na Casa da Cultura. A xornada comezou coas xuntanzas que mantivo a empresa redactora do Plan cos grupos políticos da oposición, PP e PSOE, para continuar con tres quedas con representantes veciñais, unha de mañán e duas de tarde. Foron convidados a esta xornada tanto os colectivos e asociacións veciñais como as ANPAS dos centros de ensino públicos, asociacións culturais e deportivas ou comunidades de montes das parroquias.
No conxunto da xornada participaron un total de 30 persoas ás que se lles compartiron os primeiros datos acadados mediante as máis de 150 enquisas xa realizadas e das medicións de tráfico, número de prazas de estacionamento e fluxos peonis avaliados. Entre eses datos destacase que o 87% das beirraruas de Salceda teñen un ancho inferior a 1,80 metros polo que non son accesibles, o que fai de vital importancia o proceso de humanización das diferentes rúas e espazos que se están a cometer nos últimos anos. Ademáis, dous tercios do espazo público están adicados en exclusiva ao vehículo privado para circulación e aparcadoiros, en detrimento do tráfico peonil. Estas cifras veñen a demostrar a necesidade dun Plan de Mobilidade como este, que o Equipo de Goberno espera ter rematado e aprobado neste ano 2018.
As persoas asistentes ás xuntanzas participaron tamén nun cuestionario e nunha dinámica de traballo sobre problemáticas e propostas para a mellora da mobilidade sustentable de Salceda de Caselas.
O Concello de Salceda traballa na redacción do I Plan de Mobilidade Sustentable, co apoio da Deputación de Pontevedra, que fará unha aportación de 15.000 €, dos 19.965 € que custa o proxecto. O obxectivo fundamental é o de establecer o libro de ruta que seguir nas vindeiras actuacións que se leven a cabo, na liña de seguir a recuperar a vila para as persoas. É importante, sobre todo, garantirlles aos nenos e nenas a súa autonomía para saír da casa, para ir xogar cos amigos e amigas e para ir a escola a pé e sós/soas; hai que garantirlles tamén ás persoas con diversidade funcional percorridos sen barreiras e con solucións de continuidade; á terceira idade, pasos de peóns e encrucilladas seguras… En definitiva, o PMUS busca asegurarlle a toda a cidadanía unha posibilidade real de movemento, de ir á escola, ao traballo e a divertirse por outros medios que non sexan o coche particular, e darlle prioridade a ir a pé ou en bicicleta, correspondéndose coa liña que humanizacións e recuperacións de espazos públicos que está a desenrolar o Goberno Municipal dende o ano 2007.
Salceda de Caselas, 9 de maio de 2018