Unanimidade para reclamar estudios postobrigatorios

O Pleno do Concello de Salceda aprobou por unanimidade a moción presentada de xeito conxunto polos tres grupos da corporación (MS, PSOE e PP), para instar á Xunta de Galicia a que proceda canto antes á ampliación do IES Pedras Rubias, así como á instauración de ensino postobrigatorio no municipio.

Salceda de Caselas conta na actualidade con un único centro de educación secundaria, o IES Pedras Rubias, que acolle unicamente os estudos da ESO, e que conta nestes momentos con 342 estudantes. Salceda de Caselas é na actualidade un dos municipios con maior taxa de natalidade de Galicia, o que fai fundamental a necesidade de existencia de infraestruturas educativas para acoller á súa poboación escolar.

Xa dende o curso 2017/2018, a dirección do centro ven manifestando a necesidade real de que se amplíe o número de aulas, insuficientes polo contínuo aumento de alumnado, e que neste curso se viu empeorado pola situación da covid 19, que obrigou a converter en aulas espazos como a biblioteca, o salón actos, a sala de mestres/as ou a aula de música.

Na mesma liña, a dirección ven solicitando que se establezan estudios de bacharelato no centro, para que deste xeito o alumnado de Salceda de Caselas teña a posibilidade de continuar a súa formación postobrigatoria sen saír do seu Concello, co que iso conleva para as súas familias tanto no que a conciliación se refire como ao esforzo económico que supón actualmente a formación en centros educativos doutros municipios.

A isto engádese o feito de que o IES Pedras Rubias non ten asignado neste momento ningún centro adscrito para a continuidade dos estudios do seu alumnado, o que na actualidade está orixinando situacións de incerteza que en moitos casos ata ben avanzado setembro non se ven solucionadas, deixando os mozos e mozas de Salceda nunha clara situación de discriminación con respecto ao alumnado dos Concellos limítrofes que si ven garantida a súa praza nos centros de referencia. Como exemplo próximo, o Concello de Salvaterra conta co mesmo número de alumnos e alumnas no cuarto curso da ESO e dispuña ata o de agora con dous bacharelatos a elixir. Nestes días a Xunta ven de conceder un terceiro bacharelato a Salvaterra, deixando unha vez máis fora ao Concello de Salceda de Caselas. Así pois seguen a ser escasas as escasas posibilidades do alumnado de Salceda, que ten que agardar a ver as prazas que quedan dispoñibles nese e nos demais centros próximos.

Tamén as ANPAS dos diferentes centros educativos de Salceda (E. I. A Galiña Azul, CRA Raíña Aragonta, CEP Altamira e IES Pedras Rubias), así como a Asociación SAPIX (Salceda pola Infancia e a Xuventude) teñen solicitado á Consellería de Educación a ampliación do centro e a implantación de estudos postobrigatorios, así como a inmediata adscrición do IES a outro centro con estudos postobrigatorios, sen que ata o de agora se obtivese unha resposta afirmativa a esta solicitude.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, portavoz do PSOE e Santiago Rodríguez, portavoz do PP coincidiron en que “Por vez primeira a sociedade de Salceda únese para pedir a mellora da nosa educación. É un orgullo que as tres forzas políticas con representación no Concello, as catro ANPAS dos diferentes centros escolares, a dirección do IES Pedras Rubias e a Asociación SAPIX vaiamos da man na defensa dos intereses da nosa comunidade educativa. A nosa reclamación é de xustiza, e confiamos en que a Xunta de Galicia atenderá as nosas peticións”.

 

Gabinete de prensa, 1 de marzo de 2021