Rancho de Reis

 

No ano 2018 Salceda viviu unha xornada de Reis histórica, ao contar coa actuación de 2 Ranchos de Reis da mesma localidade, algo que non acontecía dende hai máis de 50 anos. Por un lado, o 5 de xaneiro presentábase na Asociación Cultural A Feira o seu Rancho de Reis, desaparecido dende hai máis de cincuenta anos, e que este ano se recuperou grazas ao traballo e esforzo do centro cultural do barrio, que se está a comprometer na recuperación do Rancho de Entroido e que non quixo esquecerse tampouco do Rancho de Reis. Así pois, o salón de actos do centro cultural quedou pequeno para acoller á cantidade de veciños e veciñas que quixeron estar presentes en tan sinalada data, para ver bailar ao seu rancho.

Por outro lado, o día de Reis xa pola mañá presentábase o Rancho de Reis de Santa María de Salceda, como xa vén sendo tradición nos últimos anos, e facíao seguindo o costume na Igrexa de Santa María, na que os danzantes e a dama participaron na Misa de Reis, onde se cantou o tradicional Canto de Reis, e á saída da misa se procedeu á danza de Reis por parte desta formación.

O Rancho de Reis de Salceda é diferente de tódolos demais, e único pola súa formación. Na súa danza, dous danzantes loitan por conseguir a unha dama, nunha competencia por ver quen resulta o mellor bailarín. A dama, representada por unha nena, será a encargada de elixir o gañador, obsequiaráo cunha ribeirá que bailará en exclusiva con el. Os tres compoñentes do rancho utilizan roupas de cores moi vistosas, e chama especialmente a atención a grande cantidade de xoias que loce a dama, e que fai anos se conseguían prestadas nas casas da xente en mellor situación económica (eran xoias de ouro), e que estas persoas prestaban con grande orgullo para que fosen lucidas no Rancho de Reis. Isto implicaba ademais que os Ranchos tivesen que ir sempre acompañados de máis persoas que facían unha labor de “custodia e protección”, polo enorme valor das xoias empregadas. En canto á música, os ranchos de reis de Salceda van acompañados de gaita e caixa.