Situación: parroquia de Santa María, barrio da Feira. A carballeira de Sabarís é un enclave de lecer onde podemos atopar algún dos exemplares máis antigos de carballo (Quercus robur), pois din que nesta carballeira se atopa o segundo máis antigo de Salceda cunha idade que ronda os 200 anos.
O emprazamento goza dunha excepcional situación, pois ademais de lindar cos terreos do Pazo de Aballe, o regato Ameixoa (cun antigo lavadoiro e unha fonte) e estar preto da igrexa de Santa María de Salceda; é punto semineutral e estratéxico na popular rivalidade carnavalesca entre os barrios da Feira e o Barreiro sendo nesta época do Entroido cando máis vitalidade e mención adquire o entorno.
Infraestruturas: Mesas e bancos, farois, unha bancada de pedra, un panel interpretativo da zona, unha pedra co gravado do nome da área recreativa e un pequeno aparcamento. Do outro lado da estrada atópase un antigo lavadoiro e unha fonte que data de 1912.
Vexetación: O nome de carballeira evidencia cal é a especie vexetal de maior importancia nesta zona, o carballo (Quercus robur). Especies acompañantes: Adreira (Hedera helix), Acivro (Ilex aquifolium), Trovisco (Daphne gnidium).
Do outro lado da estrada, o regato Ameixoa fai posible a aparición de especies máis ben ripícolas como Salgueiros (Salix sp.), Amieiros (Alnus glutinosa), Xuncos (Juncus sp.); acompañados de outras especies arbustivas e herbáceas como a Tintoreira (Phytolacca americana), Xilbarbeira (Ruscus aculeatus), Ortiga (Urtica dioica), Corriola (Convolvulus arvensis), Cana de bambú (Phyllostachys viridiglaucescens), Falsa acacia (Robinia pseudoacacia).
Fauna: Zona de importancia por albergar importante poboación de vacalouras, carrouchas e avespas nas copas e troncos dos carballos máis lonxevos.
Algúns dos anfibios que podemos encontrar nas inmediacións do regato e da fonte son: a Ra patilonga e e o Limpafontes común.