As previsións do sector hostaleiro de Salceda resultaron insuficientes para atender aos centos de persoas que quixeron disfrutar da primeira fin de semana do Bocaselas. Tanto o venres como o sábado, os locais estiveron ateigados de persoas, demostrando así o acerto desta nova proposta gastronómica que ven de nacer no municipio. Sen dúbida o bo tempo destes días contribuíu ao éxito do evento, que se espera continúe nos días restantes. O sector hostaleiro tomou boa nota, e aumentarán as previsións de cara ás vindeiras fins de semana para poder atender a todas as persoas que se acheguen a disfrutar do Bocaselas.
Un total de 15 locais participan nesta primeira ruta de bocadillos, que se celebrará os venres e os sábados entre o 20 de abril e o 12 de maio (ambos incluídos). Establécense dúas rutas diferenciadas: unha para os venres con 9 locais participantes, e outra para os sábados na que son 6 os establecementos presentes, vendéndose os bocadillos ao prezo de 1,50 €, podendo acollerse en tódolos locais á oferta “bocatín + caña a 2,50 €”.
Concello e sector hostaleiro van da man nesta nova iniciativa que tras a primeira fin de semana ven de demostrar que o público de Salceda e arredores volve dar unha resposta positiva, e tamén por iso se prevén premios para as persoas que degusten os bocatas en varios establecementos, e que entrarán no sorteo de vales de compra para consumir nos locais participantes.
Loli Castiñeira, Concelleira de Comercio e Turismo: “Resulta especialmente satisfactorio ves os locais ateigados de xente como os vimos estes dous días. Salceda segue a ofrecer novas alternativas de ocio e tempo libre, converténdose xa en referencia en toda a comarca. Seguiremos a traballar man a man co sector hostaleiro así como co pequeno comercio, na busca dos mellores resultados”
Salceda de Caselas, 23 de abril de 2018