Soutelo acolle a II Xtrema Soutelo

A Praza do Concello de Salceda de Caselas acolleu a presentación da II Xtrema Soutelo, unha proba absoluta cronometrada composta de un percorrido de 9 km., con diversos obstáculos que se celebrará o vindeiro 19 de xuño na Parroquia de Soutelo. No acto estiveron presentes o Alcalde Marcos Besada, a Tenente Alcalde, Loli Castiñeira e a Concelleira de Deportes Carla Pérez, que arrouparon aos representantes da organización (Ignacio Souto e Marcial Castiñeira), e aos representantes dos colaboradores da proba.

Tras o éxito acadado o pasado ano na primeira edición, esta proba consolídase con importantes cambios sobre todo no tocante ás probas, que serán moito máis atractivas e espectaculares que na primeira edición. Unha das probas estrela será a organizada polo Club Tideo de Tui, que colabora tamén de xeito desinteresado nesta edición da Extrema Soutelo.

Trátase dunha proba de atletismo con obstáculos naturais e artificiais, que vai transcorrer polos montes comunais da parroquia de Soutelo. Estamos a falar dunha das primeiras probas destas características na provincia de Pontevedra. Os participantes deberán ser maiores de 16 anos (os menores de idade con autorización), e poden formalizar a súa inscrición a través de Cronotec ata o vindeiro mércores 15 de xuño (10 €). As prazas son limitadas. Dende a organización recomendase a roupa de manga longa para participar na proba. A proba terá lugar ás 11:30, comezando coa entrega de dorsais aos participantes ás 10:00 no Centro Cultural do Borralliño (Soutelo).

Ignacio Souto, representante da Organización, destacou os servizos con que conta a proba: avituallamento, zona de duchas, agasallos para os participantes… Así mesmo agradeceu a implicación do Concello e os demáis colaboradores “sin os cales sería totalmente imposible sacar adiante este evento”.

Carla Pérez, Concelleira de Deportes, destacou a importancia da posta en marcha de iniciativas como a Xtrema Soutelo. “Soutelo ten a xente adecuada para levar a cabo este tipo de programas, e ademáis conta con unhas instalacións perfectas na Área Recreativa do Borralliño”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda, aproveitou a ocasión para felicitar aos veciños e veciñas de Soutelo pola súa capacidade de unión e de levar a cabo estes proxectos. “Coa unión dos distintos sectores, Soutelo sempre demostrou estar preparada para iniciativas de interese para veciños e visitantes”.

 

Gabinete de Prensa, 10 de xuño de 2016