O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou a aprobación definitiva do regulamento de participación veciñal do Concello de Salceda de Caselas, que entrou polo tanto en vigor, e que será o primeiro regulamento de participación cidadá do Concello de Salceda.
No documento regúlase o rexistro de asociacións municipal e a participación veciñal nas decisións do Concello, e ten como eixo fundamental a creación do Consello veciñal, que canalizará a participación cidadá, e que celebrará sesións abertas ao público. Para a creación do Consello, as asociacións que o desexen poden presentar xa a súa solicitude de participación no mesmo.
O mencionado regulamento é un dos compromisos do acordo entre os dous partidos do equipo de goberno. Ámbolos dous grupos defenden a participación cidadá como un dos puntos fundamentais da política local, considerando indispensable que os elementos dinamizadores da vida social teñan unha participación activa na vida política do Concello e actúen como complemento enriquecedor da democracia representativa.
Verónica Tourón, concelleira de participación cidadá: “impulsamos así un concello aberto e democrático, fomentando a participación da veciñanza, acandando deste xeito unha convivencia plena de dereitos e unha preocupación pola problemática social e cultural do noso pobo, mellorando as condicións de vida de Salceda”. “Como responsable da área alégrome moito deste feito e lamento que o PP non apoiase este regulamento porque a participación da veciñanza debería ser o eixo da acción política de calquera color”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “O dinamismo social da nosa vila débese ver reflexado na participación na vida pública, e este regulamento ofrécenos unha nova canle directa para que o tecido asociativo, en representación da nosa veciñanza, participe nas decisións públicas que afectan a Salceda. En pouco máis dun ano levamos mantido reunións con 53 asociacións do municipio, e agora damos un pasiño máis na súa total integración no día a día do municipio”.
Gabinete de prensa, 14 de setembro de 2020