Salceda de Caselas, 10 de outubro de 2024
A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, vén de poñerse en contacto coa Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para trasladarlle a necesidade de construción de vivenda protexida no municipio. A Alcaldesa tiña xa solicitada unha cita para tratar este tema o pasado 17 de xullo sen que a día de hoxe fose respostada, polo que novamente vén de enviarse outra solicitude de reunión agardando que nesta ocasión poida ser atendida con urxencia.
O Concello ten dispoñibilidade de destinar unha área de 1.060 metros cadrados para vivenda protexida no entorno do novo Centro de Saúde trala aprobación definitiva do proxecto de reparcelación do polígono II do PERI UE-02 o pasado mes de abril.
En palabras da Alcaldesa, Loli Castiñeira, “unha vez que puidemos conseguir chan para vivenda protexida queremos priorizar a vivenda dirixida á xuventude, que cada vez ten máis dificultades á hora de poder emanciparse”.
Lembran dende o Concello que o actual goberno da Xunta de Galicia se comprometeu a desenvolver chan residencial para a construción de 20.000 vivendas protexidas e que se fixou como obxectivo duplicar o parque de pisos públicos ata chegar aos 8.000, polo que agardan que Salceda sexa un dos lugares polos se aposte para esta promoción de vivenda pública, tendo en conta que é un dos poucos Concellos que veñen aumentando a súa poboación ano tras ano.
A Alcaldesa confía en que a Conselleira de Vivenda a reciba canto antes para abordar este tema, máis cando o Presidente da Xunta vén de recoñecer que a compravenda está só ao alcance duns poucos e que o encarecemento dos alugueres, xunto ao descenso da oferta, dificulta, sobre todo entre a poboación máis nova, o acceso a un piso ou unha casa.
Loli Castiñeira: “O Concello ten os deberes feitos, e estamos en disposición de ofrecer os terreos precisos para a construción de vivenda protexida. Confiamos en que as nosas demandas serán atendidas porque é o xusto para anosa veciñanza”
Gabinete de prensa, 10 de outubro de 2024