A de Salceda de Caselas é a única sen executar das 9 aprobadas pola Xunta de Galicia no 2016
A senda daría solución a un grave problema de inseguridade viaria no treito da PO-411 entre o casco urbano e o IES Pedras Rubias
Dende o ano 2016, a Xunta de Galicia estivo a traballar no proxecto de construción de itinerario peonil e ciclista na PO-411, ao seu paso pola parroquia de Parderrubias, que suporía a mellora da seguridade viaria entre o casco urbano e o IES Pedras Rubias, nunha zona actualmente moi perigosa para o tráfico peonil. A iniciativa foi aprobada pola Administración Autonómica o 7 de marzo de 2016 dentro do Plan de Sendas de Galicia para o fomento da mobilidade sostible. 8 das 9 sendas aprobadas entón foron executadas, quedando tan só pendente a de Salceda de Caselas.
En marzo de 2018 Concello e AXI mantiveron unha xuntanza na que por parte de Francisco Menéndez se estableceu a data probable de execución do proxecto no segundo semestre de 2018. O mesmo Francisco Menéndez en abril do 2019, nun escrito enviado ao Concello, recoñecía que non se levara a cabo o proxectado, e que calculaba que a licitación se levaría a cabo a mediados de 2019. Pero non foi ata setembro dese ano cando se citou ás persoas afectadas para xestionar as expropiacións precisas, asinándose tamén as actas de ocupación por parte da alcaldesa, Loli Castiñeira, os días 17 e 18 dese mes na Casa do Concello.
O 29 de novembro do 2019, a AXI recibiu á xunta directiva da asociación de veciños/as de Parderrubias para falar diversos temas relacionados coa senda, negando a posibilidade de que asistise tamén a alcaldesa a esa mesma xuntanza tal e como se tiña solicitado dende o Concello.
Tamén a dirección do IES Pedras Rubias ten amosado a súa preocupación pola falta de seguridade no vial, polo que transita parte do seu alumnado, conscientes de que este proxecto sería unha boa solución ao problema. Isto engadido ao momento de pandemia que estamos a vivir fai que a senda resulte aínda máis importante, como alternativa incluso ao transporte escolar nas zonas máis cercanas ao IES, garantindo deste xeito uns desprazamentos seguros e lonxe das aglomeracións de persoas.
A día de hoxe o proxecto segue sen licitarse, e nada se sabe dos posibles avances, nin consta ningún tipo de comunicación ao Concello sobre o mesmo.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, lembrou que a de Salceda é a única sen executar das nove sendas aprobadas, sen que ata o de agora se comunicase cal é o motivo da demora. “Urxe que a Xunta cometa este proxecto que solucionaría un problema grave de seguridade na PO-411. As administración temos a obriga de seguir a fomentar os proxectos de mobilidade sustentable no camiño de conseguir os obxectivos da axenda 2030, e este tipo de iniciativas estanse a levar a cabo en multitude de Concellos, polo que non podemos permitir que se perdan os fondos que Europa designou para estes proxectos. Agora que a Xunta conta xa co novo executivo, agardamos ter boas novas canto antes e que a senda peonil e ciclista de Parderrubias poida ser unha realidade.
Gabinete de Prensa, 24 de outubro de 2020