Teresa Pérez, Concelleira de Ensino, e Loli Castiñeira, Alcaldesa accidental do Concello de Salceda de Caselas, visitaron esta mañá os centros educativos do municipio para comprobar as diferentes obras que se están a levar a cabo nos mesmos.
O luns 12 de setembro, comezará o curso escolar 2016-2017 para o alumnado do segundo ciclo de educación infantil, educación especial e educación primaria, iniciándose, por tanto, a actividade no CRA Raíña Aragonta e CEP Altamira, en Salceda de Caselas.
Aproveitando as vacacións de verán, o Concello de Salceda, en coordinación coas direccións dos colexios, está a acometer unha serie de actuacións de mantemento, reparación e posta a punto para que tanto as instalacións como os equipamentos estean en perfectas condicións para recibir o novo curso escolar e, deste xeito, facilitar o labor tanto do persoal dos centros como dos docentes e, por suposto, do alumnado.
Tanto nas diferentes aulas do CRA espalladas por tódalas parroquias e na sede do centro, como no CEP Altamira, estanse a realizar limpezas integrais das instalacións tanto no interior dos edificios como nos espazos complementarios exteriores, así como as correspondentes reparacións e melloras: pintados, pulidos…
Nestes días vaise levar a cabo a construcción dunha nova rampla no CEP Altamira, que dará así por rematado o proceso de adaptación das instalacións ás persoas con discapacidade que o Concello ven levando a cabo nos últimos anos, e que concluirá coa construcción desta rampla na entrada principal do edificio.
Tamén na Escola Infantil A Galiña Azul se están a realizar melloras nestes días. Neste caso o curso escolar comeza o vindeiro 1 de setembro, día en que os nenos e nenas poderán disfrutar das súas renovadas instalación. As melloras consisten no pintado de paredes, solución de humidades, apertura de unha nova porta lateral, cambio do chan na zona máis deteriorada… Todas estas melloras foron demandadas polo Equipo Directivo do centro, e estanse a realizar durante o mes de agosto, mes en que a escola permanece pechada.
Durante todo o ano o Concello de Salceda mantén unha comunicación fluída cos equipos directivos dos centros de ensino, o que permite ao Grupo de Goberno coñecer de primeira man as necesidades que neles se presentan, realizándose a maioría das actuacións durante o verán aproveitando o cese da actividade nestas datas e, deste xeito, evitando molestias ás comunidades educativas.
Teresa Pérez, Concelleira de Ensino, destacou a posta a punto dos colexios como prioridade absoluta na súa área, traballando en todo momento man con man coa Concellaría de Vías e Obras que dirixe Miguel González. “A defensa da educación pública é primordial para o noso equipo de goberno, polo que imos levar a cabo tódolos esforzos que estean nas nosas mans”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa Accidental, destacou que “a Salceda do baby boom ten que dar exemplo no que ás instalación se refire, e así o estamos a facer. Os nosos nenos e nenas merécense ter as mellores condicións e contar con un ensino público e de calidade. Por nós non vai quedar”.