O Equipo de Goberno do Concello de Salceda traballa na modificación da ordenanza reguladora do IBI, na liña de poder realizar bonificacións ás persoas e familias máis desfavorecidas despois de revisión anunciada unilateralmente dende o catastro. A Alcaldesa, Loli Castiñeira, e o equipo de goberno coinciden en que o máis xusto ante estes cambios é ofrecer beneficios fiscais a aquelas persoas que máis o precisan, baseándose na situación socioeconómica da veciñanza, no lugar de plantexar baixadas lineais que non teñen en conta esta situación.
Tras diversas conversas mantidas coa xerente de catastro, esta confirmoulle aos concellos afectados que o proceso está en marcha de xeito irreversible e non hai volta atrás. De feito, na sede electrónica de catastro a veciñanza pode comprobar xa os seus valores catastrais actualizados tras esta revisión que nos vindeiros días será notificada ás persoas afectadas. Cabe lembrar que o Concello de Salceda conta cunha ponencia de valores do ano 1989, e que precisamente estes valores tan antigos, xunto co feito de que no ano 1997 non se deu traslado a catastro das novas normas subsidiarias, fai que dende a Dirección Xeral de Catastro se tomen este tipo de medidas para intentar regularizar e actualizar os valores e calificación do solo. Descartada polo tanto por parte de catastro a opción da moratoria, e conscientes de que en moitos casos esta nova valoración vai supoñer claras dificultades para as familias en peor situación socioeconómica, o equipo de goberno decantouse polas medidas sociais.
Ademais o equipo de goberno anunciou xa fai uns días a creación da oficina de atención e asesoramento para os trámites da veciñanza con respecto a este proceso, que contará con catro persoas en atención ao público no propio Concello, evitando deste xeito que a veciñanza teña que desprazarse ás oficinas de catastro de Porriño e Tui, a pesares de non ser unha competencia propia do Concello. As persoas que precisen acudir a esta oficina deben solicitar cita previa no teléfono 689029232 unha vez que reciban as notificacións pertinentes.
Lembran tamén dende o goberno que o Concello ten delegada a recadación do IBI na ORAL, e que a ORAL ofrece a posibilidade do fraccionamento dos recibos, para aquelas persoas ás que lles resulte imposible afrontar os pagos dunha soa vez.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Dende o equipo de goberno queremos apoiar á veciñanza con unha serie de medidas realistas, sen enganar a ninguén, e actuando con claridade nun proceso que todos e todas sabíamos que en calquera momento iba chegar. Sabemos que non é o mellor momento para que cheguen este tipo de procesos, por iso dende o Concello apostamos por estas medidas”.
Gabinete de prensa, 5 de marzo de 2021