A vindeira semana darán comezo no CEP Altamira as actividades organizadas pola Concellarías de Igualdade e Ensino de Salceda de Caselas, dirixidas a concienciar e informar aos máis cativos sobre a importancia da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. Unha vez realizada a actividade no CEP Altamira, trasladarase tamén ao IES Pedras Rubias.
Tere Pérez, Concelleira de Igualdade e Ensino, afirmou que na maior parte dos casos atopámonos con que os/as nenos/as e rapaces/as das novas xeracións, pola época na que lles tocou nacer, non son conscientes do papel de loita e rebeldía que tiveron que asumir moitas mulleres de todas as partes do mundo para acadar dereitos dos que gozamos hoxe en día. Ao par disto, tamén resulta de vital importancia axudarlles a reflexionar e facerse conscientes de que na actualidade, a pesar dos avances experimentados, as desigualdades de xénero seguen profundamente arraigadas na nosa sociedade. Coa posta en marcha desta iniciativa queremos deixar patente unha idea fundamental: que o cambio e o poder para obtelo está nas súas mans. Eles/as representan o futuro da nosa sociedade e teñen a responsabilidade de convertela en máis xusta e igualitaria.
A través das distintas actividades que serán adaptadas en función do grao madurativo dos/as alumnos/as traballaremos aspectos tales como o papel das mulleres no pasado, no presente, e plantexaranse retos futuros cara a igualdade de oportunidades e a non discriminación por razón de xénero.
Con estas actividades búscanse obxectivos como sensibilizar sobre a importancia da igualdade de xénero a nivel social e persoal, ensinarlles a ser críticos/as coas desigualdades, as mensaxes transmitidas polos medios de comunicación e os estereotipos para poder romper con eles, facer conscientes aos/ás nenos/as e rapaces/as da evolución que se viviu en termos de igualdade a través dos tempos, conseguir que reflexionen acerca de todo o que aínda está por acadarse en termos de igualdade de oportunidades para mulleres e homes ou facelos/as conscientes de que deles/as dependerá que esta sociedade sexa no futuro máis xusta e igualitaria.
As distintas sesións estarán guiadas por unha profesional con formación específica en igualdade de xénero, coñecementos sobre metodoloxía didáctica e experiencia en traballo con grupos de nenos/as tanto a nivel de Primaria como de Secundaria.
A actividade é posible grazas á subvención recibida dende a Deputación de Pontevedra, que axudará ao Concello a realizar esta e outras actividades orientadas á loita contra a Violencia de Xénero.