O Pleno do Concello de Salceda ven de aprobar por unanimidade a solicitude á Deputación de Pontevedra para que proceda á mellora da mobilidade na estrada EP-2505, xa que o seu estado actual fai dela unha estrada moi perigosa tanto para os vehículos como para peóns.
O Concello ten feito un ante-proxecto de mellora que foi xa enviado ao Enxeñeiro Xefe da Deputación, Manuel Juanatey, hai perto de dous anos para o seu estudio, pero que segue sen levarse a cabo.
Este é o punto máis perigoso da Vila polos múltiples accidentes producidos nos últimos 30 anos, con feridos e danos materiais en vehículos, mobiliario urbano e sinalización da estrada. O problema viuse incrementado nos últimos meses tras a construcción da nova senda no Río Landres, pois agora son moitas as persoas que acceden camiñando a dita senda, cruzando o tramo máis perigoso da estrada.
A solución proposta é a construción dunha rotonda e beirarrúas que permitan ou garanticen a seguridade dos peóns, tendo en conta a existencia no entorno do Parque da Gándara, as Piscinas Municipais, o Campo de Fútbol e a nomeada Senda do Río Landres, o que provoca un elevado tránsito de personas e vehículos.
Ademáis, a construción do viaducto da estrada PO-510 (Atios-Savaterra), por enriba da estrada EP-2505, estreita o ancho desta (10 metros incluído arcén) o que deixa pouco espazo para o paso de peóns en ámbolos dous sentidos, producindo un “funil”. A necesidade de beirarrúas é apremiante ante a imposibilidade dos peóns de atravesar esta zona con seguridade.
Por outra banda, o ensanchamento da estrada nos anos 90 no lugar do Seixo efectuouse con recrecido de formigón dos estrivos na vella ponte construída no ano 1920 para salvar o río Landres. Neste ensanche non se tivo en conta o acceso peonil dos viandantes que circulan dende Entenza ao centro da Vila e viceversa, o que obriga ós peóns a atravesar a Ponte do Seixo polos carrís de circulación dos vehículos, polo que se solicita a construcción dunha pasarela ou beirarrúa que garanta a súa seguridade.
Por último proponse a construción de dous pasos de cebra elevados ou badéns, un na entrada da Ponte de acceso ó Antigo Matadoiro e outro a saída, no lugar de comezo da nova Senda pola marxe dereita do río Landres (río abaixo), que permita unir e acceder a Senda Fluvial.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “estamos a falar da estrada máis perigosa de Salceda. Xa que a Deputación non ten a ben cedernos á titularidade, pedímoslle que de unha vez por todas solcione o grave problema de seguridade que se dá nela, antes de que teñamos que lamentar males maiores”.