O Concello de Salceda de Caselas ven de rematar as obras de mellora da estrada que une os barrios de Barreiro e Pomar de Suso, na parroquia de Santa María, coordinadas pola Concellaría de Vías e obras que dirixe a tenente de alcaldesa Loli Castiñeira. O proxecto conta cun orzamento de 45.112,43 €, dos cales 37.283 € son financiados polo Agader a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais, e o resto con fondos propios do Concello.
Procedeuse ao asfaltado dos dous tramos da estrada que se atopaban en peores condicións, e aproveitouse tamén para acondicionar a entrada ao Centro Cultural de Castro Barreiro, así como o acceso ao barrio da Retorta. Tamén durante as obras se solucionaron problemas de deterioro das tubaxes de regadío, e a traída de augas veciñal aproveitou para cambiar un treito da súa rede, aforrando deste xeito o custo que lles suporía a apertura e peche da estrada.
Este tipo de obras resultan fundamentais para o mantemento e mellora da rede de viais municipais, con especial atención ás estradas do rural, indispensables para seguir a mellorar a calidade da vida das parroquias. Neste caso trátase dunha estrada moi empregada pola veciñanza dos barrios Barreiro e Feira, polo que o equipo de goberno considerou esta como unha boa proposta para incluír na subvención deste ano.
Loli Castiñeira, Concelleira de Vías e Obras: “defendemos o noso rural e centramos os nosos esforzos en ofrecerlles unhas insfraestruturas e uns servizos completos que impulsen o asentamento de poboación nas nosas parroquias. Por sorte en Salceda é moita a poboación moza que escolle o rural como lugar de residencia, e dende o Concello seguiremos a realizar os esforzos precisos para seguir con esta tendencia”.
Verónica Tourón, Alcaldesa de Salceda: “Coa ampliación, acondicionamento e conservación da rede de camiños municipais o goberno pretende seguir mellorando servizos fundamentais para a veciñanza do noso rural”
Gabinete de prensa, 26 de outubro de 2021