Salceda repartirá 30.000 euros entre as comunidades de augas este ano 2022

O Concello de Salceda de Caselas ven de aprobar as bases  das subvencións dirixidas ás comunidades de persoas usuarias de augas para o ano 2022, co obxectivo de que melloren as súas instalacións.

Poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas asociacións de persoas usuarias de augas legalmente constituídas, mediante un proceso de concorrencia competitiva. O obxecto da convocatoria é subvencionar obras, adquisición de materiais, man de obra ou equipamentos asociados a melloras en diversas áreas de actuación, como a captación de fontes e pozos, o mantemento e conservación dos sistemas de almacenamento e a potabilización, reparacións na rede de distribución ou o mantemento e conservación de instalacións.

As entidades beneficiarias poderán recibir como máximo o 70% do orzamento presentado e ata un máximo de 5.000 euros por Comunidade de augas.

A aprobación realizouse no Pleno do 30 de xuño e o prazo de presentación de solicitudes son 15 días dende o día seguinte á súa posterior publicación.  

Rubén González Coto, concelleiro de medio rural e medio ambiente: “con estas axudas para este ano 2022 queremos axudar as nosas traídas a mellorar os seus servicios e a calidade das mesmas”.

Verónica Tourón, alcaldesa: “Salceda conta por primeira con 30.000 euros no seu orzamento para subvencións a traídas de augas parroquiais. Unha axuda que revertirá nun mellor servizo á veciñanza do noso rural”

 

20220621_Outros_Bases de convocatoria_Bases de convocatoria 2022

 

Gabinete de prensa, 27 de xullo de 2022