Salceda renovará as súas sendas fluviais cun obradoiro de emprego

Salceda de Caselas, 10 de decembro de 2024
O Concello de Salceda de Caselas vén de botar a andar o novo obradoiro dual de emprego para desenvolver entre decembro de 2024 a setembro de 2025. Neste caso serán vinte as persoas que formen parte como alumnado traballador, distribuídas nas especialidades de albanelería e carpintería de madeira. Durante os meses de funcionamento do obradoiro, ademais de recibir formación teórica, o alumnado traballador levará a cabo tarefas de recuperación e posta en valor dos canastros da Arrotea (A Picoña), os lavadoiros de Fontán (Parderrubias) e da Costa da Prata (Entenza), a Fonte do Rial (A Picoña) e o Pozo da Feira (Santa María). Ademais tamén se levarán a cabo tarefas de recuperación dos valados e paneis das diferentes sendas existentes no municipio. Salceda conta nestes momentos con máis de 7 kilómetros de sendas fluviais ao longo dos seus ríos e regatos. Algunhas destas sendas teñen xa máis de 15 anos, polo que se fai preciso acometer tarefas de renovación e mantemento nestes espazos, que se teñen convertido xa en referentes e sinal de identidade da vila.
Loli Castiñeira: “Botamos a andar un obradoiro froito do traballo feito en equipo. Emprego, formación, recuperación do patrimonio e das nosas sendas serán obxectivos cumpridos nestes nove meses de traballo”
Para este obradoiro de emprego o equipo de goberno apostou pola recuperación e posta en valor de diferentes recursos patrimoniais e naturais do Concello, presentando proxectos que se axustasen ás características do obradoiro e que puidesen ser efectivamente realizados por parte do alumnado traballador, sempre baixo a dirección do persoal docente e técnico pertinente. O obradoiro conta con unha subvención de 411.928€ da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.