Salceda reivindica a cultura segura no seu programa de Nadal

A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación da programación de Nadal do Concello de Salceda de Caselas, que se estenderá ata o día 5 de xaneiro con máis dunha ducia de actividades centradas no público infantil pois, tal e como definiu o Concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez, “os nenos e nenas lévano pasando mal todo o ano, e temos que admitir que son os que mellor o están a facer, polo que se merecen este recoñecemento ao seu esforzo”.

                A pandemia fixo este ano inviable a celebración de citas tradicionais como o certame de panxoliñas das corais, os concertos da banda e da escola de música ou a carreira San Silvestre, que este ano non poderán celebrarse. Pero dende o Concello se algo teñen claro é que os nenos e nenas non podían perder a ilusión do Nadal, polo que se programan citas para eles como a visita dos Bolechas ou a das máis populares figuras de Nadal: o Apalpador, Papá Noel e os Reis Magos. Estes últimos, ante a imposibilidade de realizar a tradicional cabalgata, recibirán aos cativos e cativas na tarde do 5 de xaneiro con tódalas medidas de seguridade. Este ano, ademais, poderán entregarlle a carta ás súas maxestades dentro da campaña que se porá en marcha e que lles facilitará os modelos de carta en galego en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística.

                O prato forte será sen dúbida o Pequeno Circo de Nadal, que chega a Salceda por segundo ano consecutivo da man da compañía Nelson Quinteiro, e que se instalará na Praza do Concello, con actividades dende o 21 ata o 24 de decembro: concertos, visitas de personaxes, danza, pintura, etc. Unha das novidades este ano serán as visitas virtuais de Papá Noel, que se deberán solicitar previamente por whatsapp no 635886929. Ademais todas as actividades do Pequeno Circo de Nadal serán retransmitidas en streaming na canle de youtube do Concello de Salceda de Caselas para que ningún neno ou nena se quede sen poder velas.

                Verónica Tourón, Concelleira de comercio, presentou tamén as diversas actividades para a dinamización do comercio organizadas dende o Concello: o segundo concurso de escaparates de Nadal no que participan 15 comercios da vila, as iniciativas do “Noites na Rúa” que volverán celebrarse a principios de xaneiro ou a plataforma de venda online “De Barrio”, que conta xa con 15 establecementos adheridos e que segue a medrar día tras día. Aproveitou tamén a ocasión para adiantar que o vindeiro domingo 19 de decembro o comercio da vila permanecerá aberto para facilitar as últimas compras de Nadal.

                Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, destacou que Salceda conta a día de hoxe con 1.590 nenos e nenas de 0 a 14 anos, polo que non se podería elaborar unha programación de Nadal na que non fosen protagonistas. A alcaldesa defendeu a cultura como unha “actividade esencial”, e que así foi considerada sempre en Salceda, pois o Concello conseguiu sacar adiante durante a pandemia dous ciclos culturais, os actos institucionais do Cristo e salcedenses distinguidos/as, a who rules Galicia para a xuventude, ou agora este ciclo de actividades de Nadal, que definiu como “moi ambicioso para un Concello do tamaño do noso”. Lembrou ademais que todos os actos que se levaron a cabo durante o ano contaron con rigorosos protocolos de seguridade, deixando claro unha vez máis que a cultura é segura, e que dende o Concello se vai seguir apoiando ao sector cultural como sempre se fixo, como demostra o feito de que se mantivesen os máis de 90.000 € en axudas ao tecido asociativo nun ano no que moitas das asociacións mantiveron paradas as súas actividades.

                Quixo a alcaldesa mencionar tamén o alumeado de Nadal, destacando que “Non somos Vigo pero temos máis de 400.000 leds nas nosas rúas cun deseño elegante e sobrio, de cores cálidas, e polo que moitas persoas nos levan trasladado xa os parabéns”. O alumeado de Nadal foi instalado ademais por unha empresa local, contribuíndo deste xeito tamén á dinamización económica de Salceda.

                Por último, a alcaldesa agradeceu o traballo de Protección Civil ao longo de todo o ano, lembrando que para que estes actos sexan posibles resulta fundamental a súa laboura de control das medidas de seguridade.

PROGRAMACIÓN NADAL 2020/2021

 

21 de decembro

  • Pequeno Circo de Nadal.
    • 17:00 Apertura da Carpa
    • 17:30 Flashtop Christmas. Espectáculo infantil de danza teatro en formato gala cos elfos e elfas de Papá Noel.

22 de decembro

  • Pequeno Circo de Nadal
    • 12:00 Visitas virtuais con Papa Noel
    • 17:00 Apertura da carpa
    • 17:30 Pequeño Cabaré Infantil con Adela Bértolo, Nelson Quinteiro, Paco Nogueiras e Pakolas.

23 de decembro

  • Pequeno Circo de Nadal
    • 12:00 Visitas virtuais con Papá Noel
    • 17:00 Apertura da carpa
    • 17:30 Espectáculo de música e danza “Os Apalpadoriños”

24 de decembro

  • Pequeno Circo de Nadal
    • 12:00 Visitas virtuais con Papá Noel

26 e 27 de decembro

  • Tren de Nadal. Saídas dende a Praza do Concello

26 e 27 de decembro

  • Cociña infantil de Nadal. Auditorio Municipal. A partir das 16:00

31 de decembro

  • Visita do Apalpador. 19:00. Patrocina: Deputación de Pontevedra

3 de xaneiro

  • Os Bolechas. Carta Urxente aos Reis Magos. Espectáculo infantil. Auditorio Municipal. 18:00

5 de decembro

  • Recepción dos Reis Magos. 17:00

 

ADEMAIS

  • Exposición de Pintura “Voa con nós” de usuari@s de Asociación Avelaíña Saúde Mental. Casa da Cultura Castelao. A partir do 18 de decembro.
  • Presentación do primeiro disco de Acordeireta. Auditorio Municipal. 23 de decembro. 20:00. Organiza: Librería DONA.

 

 

                Gabinete de Prensa, 16 de decembro de 2020