O Boletín Oficial de Pontevedra publicou onte martes o inicio do período de exposición pública do que será o primeiro Regulamento de Honores e Distincións do do Concello de Salceda de Caselas. O documento regulará a concesión de distincións como as de fillo ou filla predilecto/a, fillo ou filla adoptivo/a, salcedense distinguido ou distinguida, alcalde ou alcaldesa honorario, ou as persoas e entidades premiadas na Gala do Deporte, así como as condecoracións como “medalla do Concello” ou “Cronista oficial da vila”. Por outra banda, o regulamento tamén fai referencia aos procesos de denominación de espazos públicos, rúas, edificios públicos, sendas, prazas, etc.
O Concello de Salceda celebra anualmente con motivo das festas do Cristo o acto de nomeamento de salcedenses distinguidos/as, no que se nomean tres persoas polos seus méritos en diferentes campos da vida social. Ata o de agora esta distinción víñase facendo a proposta do Equipo de Goberno, e con este regulamento pasará a realizarse dunha maneira reglada e definida, incluíndo a aprobación plenaria das persoas propostas para o recoñecemento. O equipo de goberno (MS e PSOE) busca deste xeito garantir un maior consenso nos nomeamentos que se realicen, así como unha maior participación nas propostas.
O Regulamento foi aprobado inicialmente na sesión plenaria do 30 de agosto cos votos a favor dos grupos de Goberno (MS e PSOE) e a abstención do Partido Popular, e a partir de hoxe conta con un prazo de exposición pública de 30 días onde tanto a veciñanza como os colectivos e asociacións poderán achegar as súas aportacións para proceder á aprobación definitiva do documento unha vez rematado o prazo de alegacións.
Loli Castiñeira, alcaldesa, xunto co resto do equipo de goberno (MS e PSOE) presentaron o regulamento co obxectivo de que os procesos deste tipo se volvan o máis participativos e consensuados posible, e que as persoas homenaxeadas dun ou doutro xeito polo Concello sexan representativas dunha ampla maioría da sociedade.
Gabinete de prensa, 11 de setembro de 2019