O Concello de Salceda ven de recibir da Deputación Provincial de Pontevedra a aprobación do proxecto de mellora da Aula Unitaria de Fontán pertencente ao CRA Raíña Aragonta, incluído no Plan Concellos 2017. Con esta resolución, o Concello aproveitará as vacacións de verán do colexio para proceder á realización das obras, por un importe de 26.545,64 €.
Con este proxecto dase solución a vellas demandas da comunidade educativa do CRA Raíña Aragonta. Por unha banda vaise proceder ao cambio de tellado mediante a substitución dos aplacados de fibrocemento existentes por un tellado de “panel sándwich” rematado en tella cerámica. O vello Tellado de uralita estaba a presentar constantes problemas de filtracións de auga que o Concello foi solventando ata poder acometer a solución definitiva que agora chega.
Por outra banda, vaise proceder á instalación de equipos de climatización, posto que a aula funcionaba ata o de agora con radiadores eléctricos que en moitas ocasións nos meses máis duros do inverno estaban a resultar insuficientes. Conseguirase ademáis un notable aforro enerxético co cambio de sistema, que ademáis verá incrementada a súa eficacia coa mellora do illamento que vai supoñer o cambio de tellado.
Con estas melloras conseguirase unha aula en mellores condicións para o alumnado. Lembramos que se trata de unha aula que acolle conxuntamente aos nenos e nenas de 3,4 e 5 anos da parroquia de Parderrubias, nun modelo de ensino integrador que no caso de Salceda se mantén nas sete parroquias con uns moi bos resultados.
Tere Pérez, Concelleira de Educación: “Tíñamos unha débeda cos nenos e nenas que acuden á aula de Fontán que por fin se vai poder solucionar. Dende o Concello seguiremos a traballar na mellora das instalacións educativas do rural, pois creemos no modelo de ensino implementado nelas e intentaremos ofrecerlles aos nenos e nenas as mellores condicións posibles no seu día a día”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Apostamos polo Ensino Público e de calidade, e seguiremos a centrar os nosos esforzos en todo aquelo que nos corresponda. Estamos a asumir en moitas ocasións melloras que lle corresponden á Xunta de Galicia, priorizando en todo momento o benestar dos nenos e nenas”.