Salceda recupera a normalidade comercial

O Concello de Salceda de Caselas, xunto coas dúas asociacións de comerciantes existentes no municipio, veñen de facer unha valoración positiva da primeira semana de apertura de comercio minorista e terrazas. O maior movemento notouse, sen dúbida, no casco urbano, pero noutras zonas comerciais como a da Tabernanova tamén se empeza a notar esa volta á nova normalidade pouco a pouco.

Durante esta primeira semana volveron a abrir as súas portas en torno a un 90% dos comercios minoristas de Salceda que permanecían pechados, e que se suman deste xeito aos comercios considerados de primeira necesidade que mantiveron abertas as súas portas dende o inicio da crise: supermercados, froiterías, droguerías, etc.

Destacou sen dúbida, nesta primeira semana, a intensa actividade que tiveron os salóns de perruquería e estética, todos eles cumprindo e facendo cumprir as máis estritas medidas de seguridade, que foron acollidas con total normalidade e comprensión por parte da clientela.

En canto ás terrazas, inicialmente abriron en torno a un 60% das existentes no municipio, aínda que esa cifra foi aumentando segundo avanzaba a semana e chegaba o bo tempo, ata situarse en torno ao 70%. Sen dúbida este está a ser o sector que carrexa máis preocupación ao comité de seguimento do COVID 19, incidindo dende o mesmo na enorme importancia de que a veciñanza siga a manter a distancia física de seguridade e as medidas de hixiene precisas, e que por parte do sector hostaleiro se incida sobre a súa clientela para que así sexa, pois a posibilidade de desfrutar das terrazas está levando consigo en moitas ocasións que as persoas se esquezan por momentos de que segue a ser máis importante que nunca manter as medidas de seguridade.

A hostalería conta co apoio do Concello, que tendo en conta as limitacións coas que van a seguir contando as terrazas durante moito tempo, veñen de adoptar o acordo de eximir ao sector de pagar a taxa de terrazas durante o que resta de ano, e que ven a sumarse ás demais medidas adoptadas no Plan de medidas económicas aprobado o 25 de Marzo, 11 días despois de decretarse o estado de alarma: suspensión e aprazamento dalgunhas taxas, posta en marcha dunha plataforma online, servizo de asesoramento directo a persoas autónomas, campañas de apoio ao comercio, etc…, así como a posta en marcha da campaña “o teu comercio de sempre, con toda a seguridade” que luce na maioría do comercio de Salceda. Tamén ACISA traballa en iniciativas de fomento do comercio local que verán a luz nos vindeiros días.

Verónica Tourón, Concelleira de Comercio: “o comercio está a realizar unha volta ao traballo de xeito organizado e sen incidencias, sabendo adaptarse ás novas necesidades e á nova realidade que se está a instaurar, polo que dende o Concello non podemos máis que felicitar o seu bo traballo”

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Nesta nova fase faise máis importante que nunca seguir apelando á responsabilidade individual das persoas. Rematamos a fase 0 con un total de 10 casos en Salceda, e é un moi bo dato que só é posible manter se actuamos con conciencia e precaución”.        

 

Gabinete de prensa, 18 de maio de 2020