O domingo 6 de setembro, Salceda de Caselas vivirá unha nova edición da Festa dos Callos, a vixésimo terceira, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Salceda coa colaboración de Frigolouro, do Grupo Coren, na que as previsións apuntan a que se despacharán máis de 20.000 racións de callos ao longo de todo o día, previsións que sempre se quedan curtas e que dan unha boa visión da magnitude da festa.
O alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada presentou onte, na Praza do Concello de Salceda, o programa da XXIII Festa dos Callos de Salceda que se desenvolverá os días 4, 5 e 6 de setembro, nun acto no que estaba acompañado das concelleiras de Cultura e Festexos, Tere Pérez, e Turismo, Loli Castiñeira, ademais de representantes de Frigolouro e da adega “Regina Viarum”, que van ser os encargados da elaboración dos Callos e de subministrar o viño tinto da D.O. Ribeira Sacra, respectivamente.
Dende as dúas da mañanciña do domingo comezarán a cociñarse todos os ingredientes para poder servir, xa dende as 9:30 horas, as primeiras desas 20.000 racións de callos que a organización ten pensado despachar ao longo de todo o día e para as que será preciso contar con 1.800 quilos de ventre,950 quilos de pata de tenreira, 2.300 quilos de garavanzos 350 quilos de chourizo e 400 quilos de lacón.
O prezo das racións, serán de 8 euros e inclúen amais o pan, o viño -un mencía Vía Imperial excelente, segundo se puido comprobar hoxe na presentación da festa- o prato e a taza conmemorativos da Festa.
Pero o programa dunha festa que ten vinte tres anos de historia ás súas costas, non se pode cinguir a un só día, así que o Concello de Salceda artellou un programa de actividades que comeza xa o venres 4 da man da Asociación “Made in Salceda” co VI Hip-Hop Salceda, un vistoso festival adicado á cultura urbana, que cada ano consegue atraer visitas de milleiros de mozos e mozas.
O sábado 5, ás catro e media da tarde, dará comezo unha actividade innovadora para esta edición da Festa dos Callos, como é o Primeiro Rastrexo Diurno “Festa dos Callos” con saída dende a Praza do Concello. Ás 21:00 horas, terá lugar a actuación de Roberto Oliveira, un percusionista tremendamente querido no municipio, formado na Banda de Música Cultural de Salceda e que logo percorreu medio mundo tocando coas mellores orquestras.
A xornada do sábado rematará co IX Serán dos Callos que se desenvolverá na Praza do Concello, no que poderán participar od grupos de gaiteiros/as, pandeireteiras… que po desexen.
O domingo 6, celebración da festa dos callos propiamente dita, ás 9:30 horas abriranse as taquillas e comezará o despacho de racións de callos. As 11:00 horas, o grupo de gaitas “Os de Agüín” porán a nota musical a mañá á espera do pregón das festas que terá lugar ás 12:00 horas e que correrá a cargo da actriz galega Isabel Risco.
Cara ás 13:00 horas, o grupo folclórico de Castro Barreiro actuará na praza de abastos e porá fin ao programa da mañá.
Pola tarde, ás 18:30 horas e con saída da Praza do Concello terá lugar a Primeira Andaina Festa dos Callos, que terá un percorrido aproximado de 7 quilómetros.
As 20:00 horas, a pregoeira Isabel Risco actuará no Auditorio Municipal nun espectáculo titulado “Nabiza Girl” para o que haberá venda anticipada de entradas na Casa da Cultura.
A XXIII Festa dos Callos a pechará a actuación do Trío Nostalgias na Praza do Concello.
Doutra banda, cabe salientar que haberá unha serie de actividades paralelas, interesantes todas elas, como a II Feira de Agricultura Ecolóxica e Artesanía, que se desenvolve na Praza de Abastos; un mercado de oportunidades organizado por ACISA na Rúa Joaquín Fernández Sestelo, unha exposición de máis de 1600 campaíñas no Auditorio Municipal e unha non menos interesante exposición de traballos de Patchwork, costura creativa e pintura en tela no Centro Social A Devesa, onde poderemos tamén admirar os traballos feitos dende a Asociación de Mulleres Rurais de Salceda.