A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Salceda de Caselas, dependente da Concellaría de Mocidade que dirixe Carla Pérez, tramita dende comezos do mes de febreiro as altas no novidoso programa SIJ+GARANTÍA XUVENIL, un programa especialmente dirixido á mocidade que abrangue información sobre accións formativas e axudas para o emprendemento ou ofertas de emprego.
A OMIX de Salceda de Caselas é un dos 200 servizos de Xuventude de todo o Estado que se atopan dentro deste proxecto piloto que permite á mocidade que cumpra unha serie de requisitos, inscribirse no programa de Garantía Xuvenil sen necesidade de desprazarse ata a oficina de emprego nin ter que agardar ata 15 días pola súa contrasinal.
Os potenciais beneficiarios deste programa, coordinado polo INXUVE (Instituto da Xuventude) do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, teñen a posibilidade de recibir ofertas de formación para o emprego e realización de prácticas laborais, orientación laboral, axudas para o emprendemento e mesmo ofertas de emprego.
Tal e como sinalaba a concelleira de Mocidade do Concello de Salceda de Caselas, Carla Pérez, no curto espazo de tempo que este programa leva en funcionamento no muncipio, “xeneráronse xa preto dunha docena de contrasinais para a súa posterior inscrición na OMIX e dúas persoas atoparon xa emprego ao abeiro deste programa de Garantía Xuvenil”.
Loli Castiñeira, concelleira de Emprego e formación, amosaba o seu convencemento que, dende a administración local, “hai que poñer todas as ferramentas precisas que faciliten a inserción dos nosos mozos e mozas no mundo laboral”. Dende esa filosofía de traballo “informar aos nosos mozos e mozas das oportunidades que se lle poden presentar é un dos xeitos de posibilitar que atopen unha oportunidade de traballo sen ter que marchar para poder emprender o seu futuro”.
Para darse de alta no programa, os interesados e interesadas deberán dirixirse a OMIX, situada no segundo andar da Casa da Cultura ADR Castelao, e cubrir un sinxelo formulario. Alí tamén recibirán una explicación do funcionamento do programa e todas as súas vantaxes e posibilidades.
Os mozos e mozas, para poder rexistrarse no programa, deberán cumprir certos requisitos:
- Ter a nacionalidade española ou ser cidadáns da Unión ou dos Estados parte do Acordo Económico Europeo ou Suíza que se atopen en España en exercicio da libre circulación e residencia. Tamén poderán inscribirse os estranxeiros titulares dunha autorización para residir en territorio español que os habilite para traballar.
- Estar empadroado en calquera localidade do territorio nacional español.
- Ter máis de 16 anos e menos de 30 no momento de solicitar a inscrición no Ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
- Non traballar nos 30 días naturais anteriores á data de presentación da solicitude.
- Non recibir accións educativas que supoñan máis de 40 horas mensuais nos 90 días naturais anteriores á data de presentación da solicitude.
- Non recibir accións formativas que supoñan máis de 40 horas mensuais nos 30 días naturais anteriores á data de presentación da solicitude.
- Presentar unha declaración expresa de ter interese en participar no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, adquirindo un compromiso de participación activa nas actuacións que se desenvolvan, no marco da Garantía Xuvenil.