A Concellería de Formación e Emprego de Salceda de Caselas, que xestiona Loli Castiñeira, vén de poñer en marcha o Plan de Formación 2018 que terá, no seu primeiro semestre, un dos seus eixos principais nas actividades formativas relacionadas co mundo da automoción.
Dese xeito, o Plan de Formación enfócase segundo o perfil de traballadores e traballadoras que precisan as empresas dun sector que, sinala Loli Castiñeira, “amosa unha alta tendencia de crecemento e previsión de ser un dos motores da xeración de emprego no primeiro semestre deste ano”.
No segundo trimestre, apunta a concelleira, diversificarase a oferta formativa “cara ao sector servizos, que acapara boa parte das ofertas de traballo recibidas no Centro de Desenvolvemento Local O Torrón”.
No que aos cursos dirixidos ao sector da automoción fai referencia, o primeiro dos cursos será o de Operario/a de liña de produción en automoción, de 60 horas lectivas que se desenvolverá entre o 19 de febreiro e o 5 de abril os luns, mércores e xoves de 10 h a 13 horas. A proba se selección e a inscrición terá lugar o día 7 de febreiro.
Do 9 ao 25 de abril, terá lugar o curso de Inxección de plásticos en automoción, de 20 horas con clases os luns, mércores e xoves de 10 horas a 12:30 horas. A inscrición e selección será o 20 de marzo.
Xa no mes de maio, entre o 2 e o 21, será a quenda do curso de Lean manufacturing, de 20 horas. O horario será de 10 h a 12:30 horas os luns, mércores e xoves e a selección e inscrición o día 17 de abril.
Entre os días 4 e 11 de xuño, impartirase o curso de Revisión e control de calidade en automoción, con 10 horas lectivas e clases os luns, mércores e xoves de 10 h a 12:30 horas e con proba de selección e inscrición o 22 de maio.
Tamén en xuño, do 18 ao 25, terá lugar o último dos cursos relacionados co sector de automoción que será o de Seguridade e prevención para auxiliares de automoción. Serán 10 horas lectivas a impartir os luns, mércores e xoves de 10 horas a 12:30 horas e con selección e inscrición o 29 de maio.
Doutra banda, este primeiro semestre contará con outras dúas actividades, unha de Locución, comunicación, dobrase e podcast a desenvolver entre o 14 de marzo e 11 de
abril (para un total de 20 horas lectivas) os luns e venres de 10 h a 12:30 horas e con selección e inscrición o 24 de febreiro.
Por último entre o 2 e 6 de xullo, terá lugar o curso de Manipulador/a de carretilla elevadora, de 20 horas con actividade de luns a venres de 9:30 horas a 13:30 horas e con proba de selección e inscrición o 19 de xuño.
O obxectivo destes plans de formación, explica a concelleira de Formación e Emprego, Loli Castiñeira, e mellorar a cualificación profesional dos e das desempregadas e, ao mesmo tempo, ofertar ás empresas, persoal cualificado en perfís profesionais que precisan no seu traballo diario”.
De feito, lembra Castiñeira, “a aposta decidida do Goberno local en materia de formación e emprego foi unha das claves que permitiron que, no pasado ano, o desemprego baixase, no municipio, máis dun 22%”.
Ese traballo desenvolvido polo Concello no ámbito da formación é, para o alcalde de Salceda, Marcos Besada, “imprescindible para facer unha Salceda de futuro, na que todos e todas conten cun traballo digno”.
- O concello
- Emprego e formación
- Turismo
- Concellarías
- Información municipal
- Directorio
- De interese
- Perfil do contratante
- Formularios e impresos