O domingo 4 de setembro, Salceda de Caselas vivirá unha nova edición da Festa dos Callos, a vixésimo cuarta, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Salceda coa colaboración de Frigolouro, do Grupo Coren, na que as previsións apuntan a que se despacharán máis de 20.000 racións de callos ao longo de todo o día, previsións que sempre se quedan curtas e que dan unha boa visión da magnitude da festa.
O alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, xunto coas Concelleiras de Cultura e Turismo, Tere Pérez e Loli Castiñeira, presentou hoxe, na Praza do Concello de Salceda, o programa da XXIV Festa dos Callos de Salceda que se desenvolverá os días 3 e 4 de setembro, nun acto no que estiveron acompañados de representantes de Frigolouro e da adega “Señorío de Rubiós”, que van ser os encargados da elaboración dos Callos e de subministrar o viño tinto, un Condado da D.O. Rías Baixas.
Dende as dúas da mañanciña do domingo comezarán a cociñarse todos os ingredientes para poder servir, xa dende as 9:30 horas, as primeiras desas 20.000 racións de callos que a organización ten pensado despachar ao longo de todo o día e para as que será preciso contar con 1.800 quilos de ventre, 2.300 quilos de garavanzos 350 quilos de chourizo e 400 quilos de lacón. Este ano ademáis, como novidade, serviranse tamén callos sin gluten, polo que tamén os/as celíacos/as poderán degustar o prato sen maior problema.
O prezo das racións, seguirá sendo de 8 euros, incluíndo o pan, o prato e a taza conmemorativos da Festa.
Pero o programa dunha festa que ten vintecatro anos de historia ás súas costas, non se pode cinguir a un só día, así que o Concello de Salceda artellou un programa de actividades que comeza xa o sábado 3 coa Xincana “Festa dos Callos” con saída dende a Praza do Concello. Ás 21:00 horas, terá lugar a actuación de Isi no Auditorio Municipal, e a xornada do sábado rematará co X Serán dos Callos que se desenvolverá na Praza do Concello, no que poderán participar os grupos de gaiteiros/as, pandeireteiras… que o desexen.
O domingo 4, celebración da festa dos callos propiamente dita, ás 9:30 horas abriranse as taquillas e comezará o despacho de racións de callos, á espera do pregón das festas que terá lugar ás 12:00 horas e que correrá a cargo do humorista galego Isi. Xa pola tarde, ás 21:00, terá lugar o concerto do grupo Batemento, de Salceda, no Auditorio Municipal.
A programación complementarase coa celebración da III Feira de Agricultura Ecolóxica e Artesanía, ao longo da Rúa Pontevedra e da Praza de Abastos.
Tamén a Asociación Galega de Autocaravanas se suma á Festa dos Callos, tendo xa confirmada a presenza de 50 autocaravanas na fin de semana, para as cales o Concello reservará a zona próxima á área de autocaravanas existente no casco urbano.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, destacou que con esta festa péchase o ciclo festivo do verán. O alcalde lembrou que se espera a presencia dunhas 20.000 persoas e agradeceu a implicación do persoal do Concello así como dos máis de 30 voluntarios que traballarán na festa. Tivo tamén palabras de agradecemnto para a empresa Frigolouro, encargada da elaboración do prato.