Salceda mantén a tradición dos Ranchos

Máis de 70 participantes amosaron os seus cantos e danzas no VII Encontro de Ranchos e Danzas Tradicionais
Salceda de Caselas, 30 de decembro de 2024
As rúas e prazas de Salceda enchéronse de música, danza e sobre todo moita alegría e moita cor o pasado sábado 28 de decembro coa celebración do VII Encontro de Ranchos e Danzas Tradicionais organizado conxuntamente pola Asociación Cultural A Feira e o Concello de Salceda de Caselas. Un total de seis agrupacións participaron no evento, chegadas dende moi diferentes puntos da xeografía da península: o Rancho de Reis do Casco Vello de Vigo, o Entroido de Cobres (Vilaboa), o Grupo de danzas de Hoyocasero (Ávila), o canto de reis do grupo O Serán (Salceda), e a anfitriona, a Asociación Cultural A Feira, que presentou o seu rancho de Reis, rancho de Entroido, e o ranchiño, que acolle aos nenos e nenas que se preparan para formar parte dentro duns anos dos ranchos de Reis e Entroido.
Por sétimo ano celébrase esta xuntanza no Concello de Salceda de Caselas, converténdose xa nun evento de referencia no que se amosa esta tradición típica do sur da provincia de Pontevedra, e que se complementa sempre coa participación de agrupacións de diferentes zonas da península. Este ano a xornada comezou xa pola mañá, con unha ruta musical pola hostalería do casco urbano a cargo dos grupos que pola tarde participaron na xuntanza. Deste xeito o encontro establécese xa como un dos imprescindibles dentro do circuíto de xuntanzas de ranchos.
Os ranchos de Reis e de Entroido de Salceda permaneceron desaparecidos durante décadas, ata que a laboura de diferentes colectivos fixo que se fosen recuperando. Xa nos anos 80 houbo un primeiro intento de recuperación do rancho de Reis por parte do Centro Cultural de Castro Barreiro, pero en menos de unha década volveu deixar de celebrarse. Posteriormente, no ano 2000, foi o Grupo O Serán o que recuperou esta tradición, prolongando a súa celebración ata o ano 2018, ano en que colle a testemuña a Asociación Cultural A Feira, que recupera tanto o rancho de Reis como o rancho de Entroido, mantendo a súa supervivencia ata o día de hoxe.
A Alcaldesa, Loli Castiñeira, recibiu aos diferentes grupos acompañada do equipo de goberno, en resposta á súa participación neste evento tradicional. Así mesmo quixo agradecer á Asociación Cultural A Feira o traballo a prol da recuperación dos ranchos de Salceda, continuando o traballo comezado por Castro Barreiro e polo Grupo O Serán, que agora se consolida co traballo que se está a realizar dende o barrio da Feira.
O Rancho de Reis de Salceda é diferente de tódolos demais, e único pola súa formación. Na súa danza, dous danzantes loitan por conseguir a unha dama, nunha competencia por ver quen resulta o mellor bailarín. A dama, representada por unha nena, será a encargada de elixir o gañador, e obsequiarao cunha ribeirá que bailará en exclusiva con el. Os tres compoñentes do rancho utilizan roupas de cores moi vistosas, e chama especialmente a atención a grande cantidade de xoias que loce a dama, e que fai anos se conseguían prestadas nas casas da xente en mellor situación económica (eran xoias de ouro), e que estas persoas prestaban con grande orgullo para que fosen lucidas no Rancho de Reis. Isto implicaba ademais que os Ranchos tivesen que ir sempre acompañados de máis persoas que facían unha labor de “custodia e protección”, polo enorme valor das xoias empregadas.
O Rancho de Entroido ten unha formación diferente aínda que un funcionamento semellante. Neste caso son seis danzantes e dúas damas, cunha estrutura igual que a do rancho de Reis, co que comparte ademais a mesma música, que no caso do rancho de Reis vai acompañada de gaita e caixa, e no caso do rancho de Entroido introduce ademais o bombo, necesario por que os ranchos de Entroido de Castro barreiro e A Feira enfrontábanse danzando ao mesmo tempo, polo que era fundamental incrementar a percusión para que cada un dos grupos puidese manter o ritmo.
Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura: “seguiremos traballando por recuperar e poñer en valor o noso patrimonio inmaterial, preservando a nosa cultura, e unindo esforzos na defensa do que nos identifica e diferencia”.