O Concello comeza a tramitar expedientes, que poderán contar con multas de ata 1.500 €
O Concello de Salceda de Caselas está a realizar un traballo de revisión das fachadas dos edificios do casco urbano que non se manteñan limpas e en bo estado. A ordenanza de limpeza viaria e ornato público do Concello de Salceda de Caselas establece a obrigatoriedade de manter limpas e en bo estado todas as partes dos inmobles que sexan visibles dende a vía pública, e especialmente nos baixos, nos que as persoas propietarias deben “pechalos debidamente, con ladrillo ou bloque, levando a cabo o seu recebado, salpicado e, en todo caso, pintado”. O non cumprimento desta obriga considérase como infracción grave, o que carrexa multas que poden ir ata os 1.500 €.
Nesta primeira fase, a policía local está a rematar o traballo de revisión das diferentes edificacións, e o departamento xurídico do Concello xa está a emitir os correspondentes informes que lles serán notificados aos propietarios e propietarias dos inmobles, establecéndolles un prazo para que procedan a realizar as tarefas de adecentado dos locais para evitar deste xeito a posible sanción.
O Concello de Salceda leva realizado un importante esforzo nos últimos anos por mellorar o aspecto das súas rúas e espazos públicos, coa recuperación de espazos para as persoas, a creación de novas zonas verdes ou a instalación de mobiliario urbano sobre o que destacan as xardiñeiras e maceteiros que se teñen convertido xa en sinal de identidade da vila, e que supuxeron a concesión de dúas flores no certame “Vilas en flor” que premia este tipo de actuacións ao longo de todo o País.
O aspecto das fachadas dos edificios resultafundamental para contribuír ao embelecemento da vila, e aínda que moitos destes locais xa se foron adecuando á normativa, é certo que outros permanecen sen rematar, con paredes de ladrillo ou incluso sen pechar, amosando un aspecto descoidado que non favorece a sectores como o turismo ou o comercio, e que agora se pretende atallar dende o Concello.
Loli Castiñeira, Alcaldesa accidental: “O Concello leva realizado un importante esforzo para ofrecer a mellor cara da vila a veciñanza e visitantes, contribuíndo deste xeito a potenciar Salceda como vila de destino de numerosas persoas. Unha imaxe axeitada dos inmobles completará o traballo realizado ofrecendo unhas rúas máis atractivas, polo que apelamos á responsabilidade e á colaboración das persoas propietarias deses locais para seguir a construír esta Salceda que tanto queremos entre todos e todas”.
Gabinete de prensa, 20 de agosto de 2021