O Concello de Salceda de Caselas ven de licitar os diferentes seguros municipais por un importe de 50.788,82 €, o que supón un aforro para as contas municipais de máis de 12.000 € anuais.
O proceso dividiuse en diversos lotes, nos que se inclúen 10 vehículos, 15 edificios municipais (ata o de agora eran 6 os que contaban con seguro), a responsabilidade civil, a responsabilidade patrimonial do persoal e a corporación, seguro de accidentes do voluntariado e seguro de saúde dunha parte do persoal funcionario con máis de 23 anos de antigüidade, sendo este último colectivo o que supón máis do 50% do total do orzamento de licitación. O Concello de Salceda de Caselas é unha das poucas entidades do País que mantivo a opción de seguro privado para o seu persoal funcionario unha vez desapareceu o MUNPAL no ano 1993, pois a maioría dos Concellos optaron por acoller á totalidade do seu persoal no réxime da Seguridade Social. No caso do Concello de Salceda, o persoal afectado puido escoller entre a sanidade privada ou a pública.
O proceso de licitación viuse facilitado pola adhesión do Concello de Salceda de Caselas á central de contratación da FEMP por acordo plenario adoptado por unanimidade, que a través do acordo marco para a prestación do servizo facilitou unha persoa intermediaria para analizar a situación de partida e deste xeito acadar as mellores condicións posibles, e que tamén se encargou da elaboración dos pregos técnicos e os informes pertinentes durante todo o proceso.
Lucía Pereira, Concelleira de Facenda: “o proceso de licitación dos seguros iniciouse fai xa case un ano como unha das medidas incluídas no Plan Económico Financieiro, e mantivemos o proceso pese a que o PEF deixou de ser preciso unha vez que dende o Goberno Central se deixou sen efecto as regras fiscais para os anos 2020 e 2021, avanzando deste xeito na regularización dos diferentes servizos do Concello”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa: “O Concello de Salceda pretende deste xeito seguir a mellorar a súa situación económica e lograr unha maior optimización dos recursos municipais, para o que xa están en marcha outros procesos de licitación como os do servizo de axuda no fogar ou o servizo de limpeza dos edificios e instalacións municipais. Como cargos electos debemos responsabilizarnos da mellor xestión dos recursos públicos, e así o vimos facendo con procedementos como o que agora vimos de rematar”.
Gabinete de Prensa, 18 de xaneiro de 2021