O Concello de Salceda, a través da Concellería de Medio Ambiente, vén de poñer en marcha un programa que busca propiciar un cambio na política forestal e permitir que as comunidades de montes do municipio poidan coñecer outras alternativas de explotación, diferentes ao aproveitamento do eucalipto, que se están utilizando con éxito noutros concellos galegos.
Así, o pasado mércores, 24 de xaneiro, as Comunidades de Montes de Santo Estebo de Budiño, Santa María e A Picoña viaxaron ata Arzúa para coñecer, in situ, o traballo que desenvolve a empresa Bosques Naturales, S.A., dedicada ao desenvolvemento de madeira de nogueira e cerdeira de calidade.
Tal e como se explicou ao longo da visita, estas madeiras nobres obtéñense a partir de material vexetal seleccionado que se incorpora a plantacións agroforestais nas que se aplican modernas técnicas de cultivo (a través da redución da quenda de tala e mellorar a calidade da madeira), combinadas co uso de sistemas de pastoreo co uso de gando ovino, de cara a controlar o mato e, ao mesmo tempo, reducir os custes por rozas.
O obxectivo trazado pola empresa, tal e como se lles explicou ás comunidades de montes de Salceda, é obter “unha quenda de tala para este tipo de especies de 25 anos, poñendo no mercado un produto de calidade capaz de competir con quendas de tala cortas como a que pode ter o piñeiro.
Empresa, ademais, encárgase de manter parcelas de investigación “para coñecer os clons que mellor porte configuran á madeira, así como o ensaio de masas de frondosas mixtas, para coñecer o seu aproveitamento conxunto”.
Esta é a primeira visita dun amplo programa que vai seguir incidindo nas diversas alternativas que o noso monte pode producir, a través de proxectos que xa se están a levar a cabo con éxito e que teñen viabilidade para a nosa masa forestal.