O Concello de Salceda ven de abrir o prazo de presentación de ofertas para a contratación da acción formativa denominada “Certificado de profesionalidade HOT327_2 Servizos de bar e cafetería”, enmarcado dentro do Programa Integrado de Emprego do Concello de Salceda de Caselas. Así, ata o vindeiro 18 de febreiro, as empresas que o desexen poderán presentar as súas ofertas para a realización da totalidade dos trámites de xestión da mencionada acción. Garantindo absoluta transparencia no proceso, o Concello ven de facer públicas as bases da convocatoria na Plataforma de Contratos de Galicia (www.contratosdegalicia.gal), e conta cun orzamento base de licitación de 25.280 €, lembrado ademais que se trata dunha actividade exenta de IVE.
Trátase dun módulo formativo de 640 horas, nas que se inclúen 80 horas de prácticas en empresas. A finalidade é que as 15 persoas que poderán acceder a esta formación poidan solicitar a expedición do título oficial ante a Xunta de Galicia, mellorando deste xeito a súa empregabilidade. A formación desenvolverase no CDL O Torrón, no que o Concello de Salceda centraliza tódalas actividades da área de formación e emprego.
O Programa Integrado de Emprego atende a 100 persoas desempregadas de sectores diversos: discapacidade, risco de exclusión social, menores de 30 anos con baixa cualificación e cualificadas, maiores de 45 anos, persoas desempregadas perceptoras de prestación, subsidios por desemprego e RAI, mulleres, etc., presentando un obxectivo de inserción laboral dun mínimo do 40% das persoas participantes.
As persoas beneficiarias participan nun mínimo de cinco accións individuais e tres accións de distinta natureza de xeito activo durante os 12 meses de duración do programa. Ademais da formación que se agrupa en catro itinerarios formativos: Administración e atención ao cliente, almacén, produción industrial e hostalería, ademais prácticas en empresas da zona coas que o Concello establecerá convenios de colaboración para cumprir co compromiso de inserción marcado.
Verónica Tourón, Concelleira de Formación e Emprego: “esta formación é unha grande oportunidade para persoas desempregadas, nun sector como o da hostalería que o que demanda é a profesionalización. Por outra banda, a licitación de servizos forma parte da liña marcada por este goberno de transparencia e participación”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “As políticas de benestar, incluídas as de emprego, son a nosa prioridade. O Proxecto Integrado de Emprego supón un importante esforzo administrativo para este Concello, pero seguiremos a poñer todo da nosa parte na busca dos mellores datos para a nosa veciñanza”.
Gabinete de prensa, 4 de febreiro de 2020