Salceda, exemplo de loita contra a violencia machista o 25N e todo o ano:

O Concello de Salceda de Caselas ven de presentar a programación elaborada co gallo do 25 de novembro, día da eliminación da violencia contra a muller, a través da concellaría de igualdade dirixida pola tenenta de alcaldesa Loli Castiñeira.

Enmarcado dentro do programa Diana, por segundo ano consecutivo e logo da boa acollida da primeira edición, púxose en marcha o II concurso de fotografía  “Salceda contra a violencia de xénero”, que manterá o prazo aberto para recibir as fotografías participantes ata o xoves 24 de novembro. Estas imaxes servirán para a realización dunha exposición que percorrerá as parroquias do concello, facendo deste xeito partícipe ao rural unha vez máis nas accións de igualdade.

O propio 25N, na Praza do Concello,  o alumnado do CEP Altamira gardará un minuto de silenzo en recordo e homenaxe ás vítimas de violencia de xénero, dando lectura a continuación a un manifesto. A rapazada será tamén a protagonista da performance “Derrubamos os muros”,  rematando os actos coa entrega dos agasallos as gañadoras do concurso organizado polo CEP Altamira con motivo do 25N.

Xa pola tarde, ás 20:30h  no local  social  O Matadoiro, coa colaboración da asociación 13-14, realizarase a presentación do libro #taméneu coa autora María Xosé Porteiro.

A Concellaría de igualdade presentou deste xeito unha programación na que se fixo partícipe a outras entidades, neste caso colexio e asociación 13 14, nunha nova mostra de colaboración que en causas como a da violencia de xénero resultan fundamentais, fomentando a concienciación dende os primeiros anos da rapazada e cunha participación importante da xuventude.

No que a igualdade se refire, o Concello mantén unha programación continuada ó longo de todo o ano, con iniciativas como a que fai uns meses chegou a todo o territorio municipal baixo o nome  “As nosas Parroquias en Igualdade”, cun curso de primeiros auxilios con moi boa acollida, ou o curso de autodefensa para mulleres organizado coa colaboración da Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia.

Ademais, dentro do Programa Diana financiado pola Deputación de Pontevedra, realízanse diferentes actividades para favorecer a  visibilización, prevención e toma de conciencia sobre un problema social grave; a violencia machista. Así, por exemplo, o 23 de setembro, día internacional contra a explotación sexual e o tráfico de mulleres nenas e nenos, a Concellería de igualdade levou adiante unha campaña pioneira en Galicia baixo o lema “Sen clientes non hai explotación”, que contou coa colaboración de ACISA para a súa difusión.

Loli Castiñeira, Concelleira de Igualdade: “ A violencia machista exercida sobre as mulleres segue a ser unha lacra na nosa sociedade. A nosa obriga como representantes da poboación é sumar esforzos e traballar coordinadamente na loita contra esta situación, e facelo dun xeito claro, chamándolle ás cousas polo seu nome e sen tratar de desviar a atención con discursos que seguen a esconder un fondo machista e que en nada axudan a poñer fin a un dos maiores problemas da nosa sociedade”.

Verónica Tourón: “A nosa obriga dende os poderes públicos municipais e loitar contra a violencia de xénero coa súa identificación, coa súa denuncia e coa súa erradicación amosando o noso apoio e compromiso coas vítimas.

 

 Gabinete de prensa, 23 de novembro de 2022