Nesta semana veñen de dar comezo as obras de mellora da estrada Arrotea – Ataúde. O proxecto, enmarcado dentro PPOS 2015 que financia a Deputación de Pontevedra, contempla a pavimentación do total da estrada, de 816 metros de lonxitude, asi como a construcción de 159 metros de cuneta revestida que conduza a auga aos colectores existentes e aos novos tramos que tamén se van construír. Así mesmo, tamén se levarán a cabo ensanches localizados nos puntos máis perigosos da estrada. Estas melloras levarán consigo a homoxeneización da pista, para maior seguridade e mellor servizo dos seus usuarios. A obra conta con un orzamento de 52.535,04 €.
Como se ven facendo noutras ocasións, o Concello presta a súa colaboración ás asociacións das parroquias, que aproveitan este tipo de obras para executar melloras nas súas instalacións. Así, no caso de Picoña, a traída de augas acomete nestes días a renovación das súas mangueiras ao longo da pista, aforrando así o custo que terían que asumir para proceder ao asfaltado posterior. Son moitas as traídas de augas das parroquias as que normalmente aproveitan as obras de asfaltado ou de saneamento para realizar este tipo de obras.
A pista conecta os barrios do entorno na Igrexa de San Martiño, percorrendo un importante espazo patrimonial no entorno do Pazo “A Casa Grande”. Así mesmo, esta estrada conecta a parroquia de Picoña coas parroquias de Santa María e Cristiñade a través do espazo forestal dos Montes de San Cibrán e Coto da Crus.
Miguel González, Concelleiro de Vías e Obras: “Estamos nunha estrada demasiado deteriorada pola auga e polo tráfico que soporta, polo que esta obra resultaba urxente para unha gran parte da poboación da parroquia de Picoña e arredores”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “A colaboración do Concello co tecido asociativo resulta fundamental, e este é un claro exemplo de que sumando esforzos podemos conseguir importantes resultados con uns costes infinitamente menores”.