O Concello de Salceda de Caselas ven de inaugurar a nova área de autocaravanas recentemente construída nas inmediacións da Senda Fluvial do Río Landres “Francisco Estévez Martínez”. No acto de inauguración estivo representada a Asociación Galega de Autocaravanas, coa asistencia do seu presidente Paco Pena e a presenza de máis de 60 autocaravanas durante toda a fin de semana no municipio. No acto estiveron tamén presentes o Alcalde Marcos Besada e os Concelleiros/as do equipo de goberno de Movemento Salceda
A área, realizada co asesoramento da Asociación, conta con tódolos servizos precisos para este tipo de vehículos (evacuación e carga de auga…), e foi definida polo presidente Paco Pena como “unha das mellores de toda Galicia”. Trátase da área número 98 de Galicia, convertendo xa a nosa Comunidade Autónoma en referente neste tipo de instalacións. A ubicación da mesma foi tamén establecida pola súa idoneidade, xa que está cerca de establecementos hosteleiros e supermercados, ademáis de estar ao lado do Parque da Gándara, as Piscinas Municipais e a Senda do Río Landres.
Paco Pena, Presidente da Asociación Galega de Autocaravanas, agradeceu o esforzo do Concello para levar adiante este proxecto, así como a magnífica disposición que amosaron tanto o Alcalde como o resto do grupo de goberno nesta iniciativa.
Loli castiñeira, Concelleira de Turismo: “hoxe damos un pasiño máis no noso camiño de converter a Salceda como punto importante de visitas que están xa a chegar dende moi diversos puntos do País. Salceda está xa á altura de moitas outras vilas e cidades con este tipo de servizos de primeira categoría”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Seguimos a construír a nova Salceda e a ofrecer novos servizos. Construímos unha vila na que vivir, traballar e disfrutar, pero tamén unha vila aberta e acolledora para todo aquel que se queira achegar a coñecernos”.