Esta fin de semana, na que se prevé a asistencia de milleiros de persoas con motivo da XXVII Festa dos Callos, o Concello de Salceda botará a andar un servizo de wifi gratuíto en diferentes espazos públicos, para o uso do público en xeral.
O sistema conta coas últimas tecnoloxías wifi de 2,4 e 5 Ghz, capaz de soportar un gran número de usuarios/as sen descenso do rendemento. Contará con puntos de acceso na Praza do Concello, Casa da Cultura Castelao, Praza da Devesa, CDL O Torrón e Pavillón Municipal, e garantirá o acceso gratuíto mediante banda ancha ao público en xeral, o que garantirá tamén o acceso á administración electrónica, eliminando a barreira que supón para unha parte da cidadanía o acceso a internet. A Unión Europea supervisará que se cumpran en todo momento os criterios de calidade da conexión, que non debe baixar de 30 Mbps, e debe estar garantida por un período mínimo de tres anos.
O proxecto supuxo un investimento de 28.846,60 €, dos cales 15.000 € son aportados pola Unión Europea dentro do programa wifi4eu, e o resto polo propio Concello.
O programa wifi4eu estase a implantar en milleiros de municipios de toda Europa, dos cales unha vintena son municipios galegos, polo que para Salceda é un privilexio poder formar parte do programa.
Salceda foi un dos cinco primeiros municipios de Galicia en beneficiarse do programa, xunto con Cerdido, Oleiros, Rianxo e Toén, aínda que na actualidade o proxecto xa está a chegar a unha vintena de concellos galegos.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, valorou o programa como “un privilexio para Salceda. A nosa veciñanza vaise beneficiar dunha rede wifi aberta, gratuíta e de grande calidade, o que sen dúbida constituirá un novo aliciente á hora de escoller Salceda como lugar de residencia para novos veciños e veciñas”.
Gabinete de prensa, 29 de agosto de 2019