Salceda de Caselas, 04 de outubro de 2024
O Concello de Salceda de Caselas ven de rematar as obras de renovación do pavimento do seu pavillón de deportes, substituíndo o vello cemento pulido por unha superficie de tarima de madeira de haia. Trátase dunha instalación dos anos 90 na que hoxe en día, coas novas normativas, precisaba da instalación dun pavimento que garanta a seguridade e o confort das persoas usuarias. Neste caso o equipo redactor do proxecto apostou pola colocación dun pavimento deportivo areaelástico de tarima de madeira de faia, especialmente apto para a práctica dos principais deportes que se veñen practicando no pavillón de Salceda: fútbol sala, baloncesto, balonmán, badminton e patinaxe.
A reforma supuxo un investimento de 92.338,60 € financiados dentro do Plan Máis Provincia 2024. O Plan Máis Provincia, e o seu antecesor o Plan Concellos, serven de ferramenta para achegarlles aos Concellos os fondos que lle corresponden da Deputación de Pontevedra, deixando en mans dos propios Concellos a decisión do uso que se lle dá en cada ocasión aos fondos. En palabras de Loli Castiñeira, “no caso do Concello de Salceda de Caselas levamos apostando claramente pola mellora do Pavillón de Deportes, co investimento de 47.857,33€ dentro do Plan Concellos 2023 para a impermeabilización do edificio que permitiu a eliminación de goteiras e filtracións, e agora este novo investimento dentro do Plan Máis Provincia 2024 de 92.338,60€ para a renovación da pista de xogo. En total 140.195,93€ investidos en dous anos no deporte de base”.
Dende o equipo de goberno quixeron agradecer tanto á empresa adxudicataria como ao director de obra e persoal técnico pola dilixencia e efectividade coa que se executou a obra, respectando os prazos establecidos e causando deste xeito o menor prexuízo aos equipos que fan uso das instalacións. O Concelleiro de Deportes, Marcos Troncoso, quixo tamén aproveitar para agradecer a colaboración dos diferentes clubes, que en todo momento amosaron a súa boa predisposición para afrontar as incomodidades do tempo que durasen as obras, conscientes de que o beneficio era especialmente para os propios clubes. “Cumprimos o compromiso acadado cos colectivos deportivos”.
O equipo de goberno decidiu apostar por este proxecto tendo en conta que son máis de 500 persoas de tódalas idades as que empregan diariamente o Pavillón Municipal a través dos diferentes clubes, ás que hai que sumarlles os case 500 nenos e nenas do CEP Altamira que fan uso das instalacións en horario escolar. O obxectivo principal é o de garantir a seguridade e minimizar en todo o posible os riscos que se poidan producir por caídas nas pistas.
Esta fin de semana serán varios os equipos que poidan facer uso destas novas instalacións nas súas diferentes competicións, polo que se agarda un grande movemento tanto de deportistas como de público nas novas instalacións.
Gabinete de prensa, 4 de outubro de 2024