Salceda énchese de camelias

O Concello de Salceda ven de dar o pistoletazo de saída da VIII Edición da Mostra-Exposición da Camelia. Un total de 66 expositores chegados de toda a xeografía galega e do norte de Portugal fan desta a segunda mostra máis importante de Galiza, sólo por detrás da Internacional. Os visitantes poderán contemplar milleiros de camelias ao longo dos 120 metros preparados para a exposición. A mostra celébrase no Auditorio Municipal de Salceda e no edificio da Casa do Concello, e inclúe unha ampla programación complementaria durante as xornadas do sábado e do domingo.

A organización do evento corre da man da Concellaría de Turismo que dirixe Loli castiñeira, arroupada en todo momento pola Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda, así como pola Asociación de Mulleres Rurais. Resulta fundamental ademáis a colaboración de Frigolouro, empresa encargada de ofrecer o xantar aos expositores, con unha degustación de productos típicos galegos, na que non podían faltar os tradicionais callos.

Dentro da programación, destaca a noite de fados organizada para a noite do sábado, froito da estreita colaboración que o Concello de Salceda mantén coa Cámara Municipal de Penafiel.

Loli Castiñeira, Concelleira de Turismo: “un ano máis Salceda convértese no punto de destino de centos de apaixoados do mundo da camelia. Agradecemos especialmente a colaboración do tecido asociativo que sempre nos bota unha man neste tipo de eventos”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “En torno a esta magnífica flor concentramos diversos actos que nos serven para seguir a proxectar a imaxe de Salceda ao longo de todo o País. O cariño e o rigor que se adica nesta mostra fai que Salceda sexa tamén referente comercial e turístico, converténdose unha vez máis no destino de centos de visitantes”.

 

Foto: Expositoras preparando as suas camelias

 

Gabinete de prensa, 05 de marzo de 2016