Salceda e Tui acollen o I Campus ‘Denis Suárez’

Os Concellos de Salceda de Caselas e Tui acollerán, entre os días 3 de xullo e 8 de xullo, as actividades do I Campus de Fútbol ‘Denis Suárez’ que se desenvolverá nos campos do Caselas en Salceda e do Tyde en Tui.

O evento foi presentado onte na Casa da Cultura de Salceda coa presenza do Alcalde de Salceda Marcos Besada, o concelleiro de Deportes do Concello de Tui, Laureano Alonso, a concelleira de Deportes do Concello de Salceda, Carla Pérez; o coordinador do campus, Daniel Fernández, e o representante da empresa organizadora DSF11 e pai de Denis Suárez, Ramón Suárez.

 

Carla Pérez amosaba a satisfacción do Concello por poder “acoller unha actividade de semellante envergadura” e, ao mesmo tempo, expresaba o orgullo que tiñan todos e todas as salcedenses “polo feito de que Denis Suárez nunca se esquecera das súas raíces e que lle dea o seu nome a esta actividade dirixida aos máis pequenos”.

 

O campus, como explicaba o coordinador do mesmo, Daniel Fernández, está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e 14 anos e desenvolverase entre os días 3 de xullo e 8 de xullo e horario de 9 h a 14 horas. O prezo é de 140 euros por cada neno ou nena e pola participación dun irmán ou unha irmá, estes últimos pagarán 120 euros.

 

Os e as participantes recibirán unha equipación completa de Nike (camiseta pantalón e calcetíns) e un diploma acreditativo ou unha medalla. Os grupos, segundo explicaba Daniel Fernández, serán dun máximo de 14 nenos e nenas dirixidos sempre por adestradores titulados que traballarán, sinalaba o coordinador do campus “en aspectos analíticos e técnicos, pasando ao traballo colectivo e rematando as xornadas cun partido que é ─apuntaba o coordinador do campus─ o que máis lles gusta a todos os participantes”. Trátase de que “os rapaces e rapazas gocen da actividade e que cheguen a casa con ganas de voltar ao campus ao día seguinte”.

 

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes do Concello de Tui, Laureano Alonso, aseguraba que para a cidade fronteiriza, acoller esta iniciativa “era un auténtico luxo”, indicando que o Concello de Tui “implicouse dende o primeiro momento”. Alonso salientaba a importancia de desenvolver unha actividade deste calibre de xeito compartido “xa que os recursos dos concellos son limitados”. Nese sentido o edil de Deportes da cidade de Tui poñía como exemplo as actividades que, de xeito conxunto, se desenvolven na Eurocidade Tui-Valença “e que permiten que poidan acadar unha dimensión maior”.

 

Remataba Laureano Alonso amosando a intención de que o campus “teñan continuidade no tempo” xa que, sinalaba, “Denis Suárez é un xogador de fútbol que ten unha grande transcendencia a nivel mundial e, nese sentido, pon a Salceda e a Tui no mapa do deporte a nivel internacional”.

 

Na mesma liña expresábase o alcalde de Salceda, Marcos Besada, ao afirmar que “estamos diante dun acontecemento sen dúbida transcendental dende moitos puntos de vista” e salientaba o rexedor municipal que neste ano 2017, “o fútbol é protagonista en Salceda por unha banda porque o Caselas cumpre as súas vodas de ouro e por outra banda, porque cúmprense 90 anos da presenza confirmada de fútbol en Salceda, cunha historia que nos remonta a 1927”.

 

Besada asegurou que Denis Suárez “é un rapaz que representa a Salceda e aos seus valores, a Salceda traballadora, honrada, humilde e honesta que dende hai anos é unha referencia no noso país”.

 

O alcalde de Salceda destacaba tamén o feito de facer este campus de xeito conxunto con Tui “un feito importante nunha sociedade que está perdendo por desgracia, certos valores de unión”, e nese sentido, a organización deste campus entre dous Concellos “demostra que nos momentos máis complexos é posible que os goberno municipais, sexan quen de poñerse de acordo en proxectos que son bos para todos e todas e que proxectan a imaxe de Salceda e Tui no mundo”.
Finalmente Marcos Besada chamaba a atención sobre o día de clausura do Campus, o 8 de xullo, data sinalada, recalcou o alcalde, porque “foi precisamente un oito de xullo de 1967 onde moita xente de Salceda decidiu federar ao Caselas, e que mellor que darlle realce a esa data co remate dese campus”.