O servizo será de xestión compartida co Concello de As Neves
O Concello de Salceda botará a andar a partir do mes de setembro un gabinete de atención temperá para atención á poboación infantil de 0 a 6 anos co obxectivo de dar resposta canto antes ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
O gabinete contará cun equipo especializado formado por un mínimo de tres integrantes dos campos da psicoloxía, logopedia e fisioterapia, e atenderá tres días da semana en Salceda e dous nas Neves. O servizo está financiado nun 80% pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, para o que ven de conceder unha partida de 15.603,17 € que o equipo de goberno solicitara na anterior lexislatura e que agora bota a andar a través da Concellaría de Benestar Social.
O Concello de Salceda de Caselas amplía así a súa carteira de servizos á infancia. O Gabinete de atención temperá únese ao servizo de pedagoxía e logopedia co que xa conta o Concello dende fai unha década, e que o converte nun dos poucos Concellos de Galicia que ofreza estes dous servizos.
Nesta semana, a alcaldesa accidental Verónica Tourón e a Concelleira de Benestar Social, Ángela Ledo, reuníronse coa Concelleira de Benestar Social do Concello de As Neves, Pilar González, para coordinar a posta en marcha do servizo, que se fará nas vindeiras semanas, e que no caso de Salceda terá lugar no Centro Social da Devesa. Verónica Tourón e Ángela Ledo coincidiron en apuntar que “estamos a falar dun servizo esencial nos primeiros anos dos nenos e nenas, xa que dunha boa diagnose pode depender o seu futuro persoal e académico”.
Gabinete de Prensa, 9 de agosto de 2019
- O concello
- Emprego e formación
- Turismo
- Concellarías
- Información municipal
- Directorio
- De interese
- Perfil do contratante
- Formularios e impresos